Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Pontellón e Cafetería Auditorio obtiveron os mandís de Prata e Bronce

- Entre os participantes na elección dos mellores petiscos sorteáronse dez vales de compra

MelloresTapas22

Valga, 28 de agosto de 2022.

A Ruta-Concurso “Tapa a anguía” xa ten gañadores na súa novena edición. Son as “Popietas de anguía” de Casa Comparada, que foron elixidas coma o petisco máis saboroso polo xurado profesional, e o “Bocado Crocante” de Bar Pardal, que foi votado como a mellor tapa a través da votación popular.

As popietas de Casa Comparada tiñan como ingredientes anguía cociñada a baixa temperatura rechea de tapenade, sobre unha cama de cebola encurtida e queixo cottage. Mentres que o petisco de Bar Pardal consistía nun pan bao recheo de brotes e anguía crocante con salsa ali oli de pementos de Padrón. Dúas propostas moi diferentes para cociñar a anguía, pero ambas exitosas.

Ademais, por votación popular entregáronse outros dous premios: os mandís de Prata e Bronce. A segunda clasificada foi o “Bao de anguía” de Café-Bar O Pontellón (pan bao con anguía en tempura, acompañada de ensalada e maionesa) e o terceiro posto recaeu na “Anguía ao forno” de Cafetería Auditorio. Neste caso, o exquisito peixe do Ulla servíase acompañada de gornición e patacas.

A ruta de tapas contou cunha altísima participación por parte de veciños e visitantes que acudiron aos establecementos de hostalería para degustar os diferentes petiscos. Proba desta gran acollida da ruta, na súa primeira edición post-pandemia, foi o número de votacións emitidas para elixir ás mellores tapas, que pasaron de 85 o ano pasado a 300 nesta ocasión.

Entre todas elas sorteáronse dez vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local, e os gañadores foron:
- Enrique Pardal Campaña
- Isabel Aragundi Martínez
- Alberto Otero Duarte
- Ramón Boo Blanco
- José Andrés Bermúdez Navia
- Gloria Eiras Fraga
- Arturo Bustelo Pérez
- Rebeca Oliveira García
- Jesús Castiñeiras Isorna
- Pura Torres Rodríguez

O sorteo efectouse durante a precata do Concurso da Caña do País e os catadores exerceron de mans inocentes.

SorteoTapas22

Volver