- As infraestruturas, que comunican as dúas marxes do río Valga, foron executadas durante as últimas semanas
- De cara a esta noite, varios propietarios de parcelas próximas ao parque habilitarán zonas de estacionamento
Valga, 27 de agosto de 2022.
O Parque Irmáns Dios Mosquera é hoxe o epicentro das celebracións da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País e, ademais, está de estrea. O recinto municipal foi sometido durante as últimas semanas a tarefas de acondicionamento e renovación dalgunhas das súas infraestruturas, principalmente as de madeira, que se atopaban deterioradas.
Instaláronse novas pasarelas para comunicar as dúas marxes do río Valga, a do parque propiamente dita coa da praia fluvial e o seu entorno. Ademais, tamén se repuxeron varias varandas que estaban en mal estado debido a circunstancias coma o paso do tempo, a climatoloxía e o propio uso por parte de veciños e visitantes que teñen neste parque unha das zonas de esparexemento de referencia da contorna e o visitan acotío.
Quedan aínda algunhas actuacións pendentes de executar e rematarse, principalmente os baños públicos que se están a habilitar xunto ao Centro de Interpretación da Caña. O interese do goberno local era telos a punto para a festa pero, a pesar do tempo transcorrido dende o comezo da obra, a empresa adxudicataria non puido rematalos, polo que se optou por instalar uns aseos provisionais neste mesmo punto. Ademais, hai que lembrar que a outra ala do parque conta cun edificio de aseos públicos que si están operativos. O Concello pide a todas as persoas que os empreguen respecto polos bens públicos e o patrimonio de todos e agarda que non se produzan danos, como xa ten sucedido en anteriores ocasións.
Por outra parte, tamén se informa ás persoas que teñan previsto asistir á festa, que varios propietarios de parcelas próximas ao Parque Irmáns Dios Mosquera acometeron traballos de limpeza e acondicionamento das mesmas para empregalas como áreas de estacionamento de vehículos, tanto nas marxes da estrada N-550 coma noutras vías locais do entorno.