- O certame arrancou onte coa precata, na que se fixo unha primeira selección de augardentes
- Os catadores destacaron a “gran calidade” das cañas presentadas nesta edición
Valga, 26 de agosto de 2022.
A augardente ten tamén a súa cota de protagonismo nestas xornadas previas á XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, a través do Concurso Tradicional da Caña que deu comezo onte coa precata.
Foron un total de vinte e cinco as augardentes que concorreron ao certame nas súas tres modalidades habituais: nove brancas, nove de herbas e sete tostadas. Os catadores Manuel Blanco Picón, Mª Luisa Vázquez Tubío, Ricardo Abuín Mariño, Mª Dolores Catoira Piñeiro e Juan Carlos García Busto foron os encargados de realizar, na cata inicial de onte, unha primeira selección das cañas de cara á gran final desta tarde, para a que se clasificaron cinco licores brancos, catro de herbas e catro tostados.
De entre eles sairán os gañadores do concurso en base a unha serie de criterios que os catadores teñen moi en conta á hora de valorar as augardentes. Os principais son o sabor, a boa textura e a cor, importante nas cañas de herbas e tostadas pero tamén nas brancas, que non deben presentar turbidez. É igualmente relevante a graduación, que non só se percibe ao probar o licor senón tamén a través do que os catadores denominan “as adoas”, as burbullas que aparecen ao axitar a caña. “Se ten moitas e se manteñen é sinal de a caña ten graos bastantes”, explican os expertos.
Os produtores das mellores augardentes daranse a coñecer mañá sábado durante os actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País e repartiranse 1.000 euros premios: 400 euros para a mellor caña branca, e 300 para os licores de herbas e tostado mellor valorados. Os segundos clasificados nas tres modalidades recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo.