- O último showcooking ofreceu un menú de tres pratos elaborados co peixe do Ulla e unha sobremesa
- As actividades gastronómicas continúan esta tarde coa primeira cata do Concurso da Caña do País
Valga, 25 de agosto de 2022.
A segunda edición do Agosto Gastronómico, que se desenvolveu durante as últimas semanas con motivo da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, chegou onte á súa fin co cuarto e último showcooking que tivo como protagonista á anguía. Arredor dela xiraron os tres pratos salgados que presentaron os cociñeiros Rocío Garrido, Coque Fariña e Fran Jamardo, unha viaxe arredor do mundo explorando sabores e as posibilidades culinarias que ofrece este peixe.
Coa primeira receita, os asistentes achegáronse á gastronomía ‘nikkei’, que combina elementos das cociñas peruana e oriental. Tratouse dunha versión da Causa limeña, un dos pratos fríos máis emblemáticos da gastronomía do Perú, ao que se lle engadiu anguía e un prebe de inspiración asiática con soia, azucre moreno, salsa de peixe e de ostras.
A seguinte viaxe culinaria tivo como destino o norte de África, con anguía en salsa de cervexa negra reducida con cebola tostada e acompañada de cuscús. E, como último prato salgado da degustación, serviuse un mar e montaña que combinaba raxo de porco desmigado con anguía e verduras (cabaza, cenoria e cabaciña).
Para deixar un sabor doce entre a trintena de asistentes, os chefs despedíronse cun calleiro, unha sobremesa tradicional da Ría de Noia e Costa da Morte, adaptada con castañas e substituíndo o ron por caña tostada de Valga.
A maridaxe, como é habitual, correu a cargo de empresas do concello: un vermú de La Fabulosa e o viño Castellum Honesti da adega Torres Augusti.
As actividades gastronómicas continúan durante os vindeiros días en Valga. A cita máis inminente terá lugar esta tarde, coa precata do Concurso Tradicional da Caña do País, a partir das 20:00 horas no Centro de Interpretación da Caña. O venres terá lugar a cata final.