- Investiranse case 150.000 euros para continuar coas beirrarrúas cara O Carballiño
- Tamén se canalizarán os servizos, instalaranse tubaxes para as augas pluviais e pintaranse prazas de estacionamento
Valga, 25 de agosto de 2022.
As melloras nas infraestruturas viarias do parque empresarial de Campaña continúan cunha cuarta fase que está a piques de adxudicarse e na que se investirán 149.998’51 euros, parte dos cales son subvencionados pola Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través dunha liña de axudas para habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia.
As obras retomaranse no punto no que se deixaron na fase anterior, dando continuidade ás beirarrúas en tramos de ambas marxes da estrada. Na marxe dereita, en dirección ao Carballiño, habilitarase a senda para a circulación de peóns nun tramo situado fronte ás instalacións da empresa Intavalsa. Na marxe esquerda, a senda avanzará dende Distribuciones Lema ata o cruce do Carballiño.
O proxecto tamén inclúe a canalización dos servizos de abastecemento de augas e do alumeado, a instalación de tubaxes para a recollida de augas pluviais cos correspondentes sumidoiros e o acondicionamento e pavimentación dos sobreanchos da estrada. Por último, ampliaranse as prazas para o estacionamento de vehículos.
Con esta actuación preténdese continuar adaptando as infraestruturas viarias ás necesidades desta zona empresarial e ao aumento tanto de persoal coma de transporte, ofrecendo un mellor servizo a vehículos e peóns á hora de circular por esta contorna e facilitando o desenrolo da actividade empresarial. Hai que ter en conta que esta área de Campaña é o maior asentamento industrial do municipio con seis grandes empresas nas que traballan case dous milleiros de persoas.