- O xurado visitou as obras de acondicionamento executadas polos veciños con materiais aportados polo Concello
- As tres actuacións máis valoradas recibirán premios de 300, 200 e 100 euros
Valga, 24 de agosto de 2022.
O concurso Embelecer Valga ten xa gañadores, aínda que estes non se farán públicos ata o vindeiro sábado, no acto de entrega de premios da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. O xurado xa emitiu a súa votación despois de percorrer os parques, espazos e infraestruturas públicas participantes, locen estes días a súa mellor imaxe.
Este certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado polos veciños e é convocado anualmente polo Concello co obxectivo de implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos, acometendo proxectos de mellora e accións de limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación. O Concello aporta os materiais necesarios para a realización das obras.
Un total de dezanove lugares das distintas parroquias participaron nesta edición do concurso e o pasado sábado foi o día no que recibiron a visita do tribunal, formado por un representante de cada comisión veciñal participante e os concelleiros de Cultura, Turismo e Facenda. Valoraron aspectos coma o deseño de xardíns e zonas recreativas, a orixinalidade e creatividade da decoración, o aproveitamento de recursos da zona e uso de materiais reutilizados.
As actuacións levadas a cabo foron as seguintes:
- Avenida da Coruña: melloras e reparacións no parque
- Barcia: conservación e mantemento do parque
- Barro: acondicionamento e mellora do parque
- Beiro: actuacións no parque, no lavadoiro e no Agro de Arriba
- Belén Artesanal: acondicionamento da zona exterior do Belén
- Campaña (Eirexe): actuacións de acondicionamento na contorna da igrexa parroquial
- Canle: traballos de mantemento e ornamentación no parque
- CEP Xesús Ferro Couselo: pintado de xogos e outras melloras no patio
- CEIP Baño-Xanza: mellora do patio exterior do colexio
- Cimadevila: mantemento do parque e do lavadoiro
- CRA de Valga: melloras nas escolas de Xanza, Chenlo, Forno, Ferreirós, Vilarello e Campaña e nos patios exteriores
- Eiras: arranxos e mantemento do lavadoiro
- Escola Infantil Municipal: melloras no patio exterior
- Ferreirós: acondicionamento de talude na marxe da estrada PO-190
- Ferreirós (Parque): actuacións no parque infantil
- Gándara: mantemento do parque do lugar
- Laceiras: mellora da casa veciñal e acondicionamento do parque
- Vilar: acondicionamento do campo da festa e no parque
- Vilarello: acondicionamento, mantemento e ornamentación no parque, lavadoiro e local veciñal
O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, e o segundo e terceiro clasificados recibirán 200 e 100 euros respectivamente. As demais comisións participantes recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros.
Ademais, entregarase un premio especial de 150 euros para o lugar con mellor mantemento durante todo o ano.