- Os asistentes ao Showcooking Intercultural degustaron pratos de Letonia, Estonia, Grecia, Lituania e España
- Sabores diferentes e produtos descoñecidos fixeron desta unha demostración sorprendente
Valga, 19 de agosto de 2022.
Valga foi onte o punto de partida dunha viaxe polo continente europeo da man dos cinco mozos que, dende o mes de xullo e ata finais de agosto, desenvolven actividades de voluntariado no noso concello a través do programa XacobeAndo, da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta e do Corpo Europeo de Solidariedade.
A gastronomía foi guiando este percorrido por cinco países europeos, dende España, pasando por Grecia, Letonia, Estonia e Lituania, descubrindo novos sabores e produtos practicamente descoñecidos para a maioría dos asistentes, unha trintena de persoas entre as que se atopaban a Directora Xeral de Xuventude, Cristina Pichel, e Ruth González, coordinadora do programa de voluntariado. Acompañáronas a tenente alcaldesa, Carmen Gómez, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo.
O menú estivo composto de catro pratos salgados e un doce, comezando cunha sopa fría típica de Lituania chamada Shaltibarshchay e que ten entre os seus ingredientes cebola verde, pepino, ovo cocido, manteiga ou remolachas que lle dan un rechamante color morado.
A gastronomía letona estivo representada a través dunhas tortas de pataca denominadas Kartupeļu pankūkas e para as que tamén se emprega ovo, cebola e unha salsa a base de aneto, allo, sal e pementa.
Un dos pratos máis sorprendentes da demostración culinaria foi o de Grecia, co nome de Dolmadakia. É unha das tapas gregas por excelencia e para a súa elaboración empréganse arroz, cebola, allo e outras especias, todo envolto cunha folla da viña previamente cociñada.
Para rematar a degustación de pratos salgados, a representante española, procedente de Córdoba, elaborou tortilla de patacas, unha das receitas que mellor representa a cultura gastronómica do noso país.
Estonia foi a última parada nesta viaxe imaxinaria, deixando un sabor doce entre os comensais cunha sobremesa chamada Mannavaht, que se elabora con sémola, zume de arándano, azucre, leite e froitos vermellos.
Os mozos protagonistas do showcooking contaron coa colaboración dos chefs de Indo e Vindo Gastronomía, Fran Jamardo, Coque Fariña e Rocío Garrido na preparación dos cinco pratos, cos que puxeron o seu grao de area ao Agosto Gastronómico e ás actividades da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que dende esta fin de semana entra nos días máis álxidos.