- Trinta persoas degustaron tres pratos e unha sobremesa que tiñan, entre os seus ingredientes, caña branca, tostada e de herbas
- As actividades do “Agosto Gastronómico” continúan o domingo cunha demostración de coctelería
Valga, 18 de agosto de 2022.
O mes de agosto en Valga é sinónimo de gastronomía e onte quedou demostrado unha vez máis no showcooking “A caña no prato”, que contou cunha trintena de asistentes. O equipo de Indo e Vindo Gastronomía amosou como a augardente do país tamén pode comerse integrada en múltiples receitas e combinada cos ingredientes máis variados.
Rocío Garrido, Coque Fariña e Fran Jamardo ofreceron unha demostración culinaria en vivo na que elaboraron unha ensalada, un peixe, unha carne e unha sobremesa; un menú completo no que empregaron as diferentes variedades de caña (branca, tostada e de herbas), introducíndoas nos pratos de diferente maneira. No caso da ensalada de gambón e polbo, a caña tostada reducida formaba parte da vinagreta. No segundo prato, bonito de Burela con alga wakame, empregouse caña de herbas para o selado do peixe na tixola.
O terceiro prato que se degustou foi tenreira galega con pexegos, incorporando ao guiso caña branca e substitución do viño ou da cervexa, que son máis habituais na cociña. Por último, a sobremesa foi unha deliciosa torta de queixo con marmelada de nectarina, en cuxa elaboración se empregou augardente tostada.
Os chefs xogoaron coas cantidades de caña e como onde a introducían co obxectivo de que os comensais puideran percibir a súa presencia nos pratos pero sen eclipsar ao resto de produtos e sabores.
As elaboracións maridáronse cun viño da IXP Terra de Barbanza e Iria da adega local Torres Augusti e un espumoso de La Fabulosa.
Este foi o segundo dos catro showcookings que se programaron no marco do “Agosto Gastronómico”. A vindeira actividade, “Moito máis que caña”, terá lugar o domingo ás 13:00 horas e nela María Rey elaborará diferentes cócteles con caña. Por último, o vindeiro mércores será a quenda da anguía na última demostración de cociña desta edición da festa.