- O historiador de Baiona estudou a orixe das romerías galegas a partir da fundación de santuarios na Idade Moderna

- O xurado outorgoulle o premio, remunerado con 4.000 euros, por unanimidade

AnxoRodríguez

Valga, 16 de agosto de 2022.

Presentouse ao Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo baixo o lema de “Pestimales” –deturpación popular da expresión “peste y males”, recollida nos himnos na honra de San Roque– pero o seu nome é Anxo Rodríguez Lemos (Baiona, 1994) e o seu traballo, “Entre aparicións, promesas e romarías: a relixiosidade nos santuarios galegos da Idade Moderna (séculos XVII – XIX)”, foi designado como gañador coa unanimidade do xurado.

Trátase dunha adaptación que o autor, licenciado en Historia e Doutor “Cum Laude” pola Universidade de Santiago, fixo da súa tese doutoral. “É unha escolla da parte máis divulgativa da miña tese, unha análise sobre a relixiosidade dos santuarios, entendendo como tales tanto grandes igrexas coma pequenas ermidas e capelas que tiñan un santo de gran devoción”.

O xurado do certame destacou, nas súas deliberacións, que se trata dun tema pouco estudado dende o punto de vista elixido polo autor, así coma o emprego de numerosas fontes de investigación, o que fai que este traballo poida converterse en obra de referencia para investigadores, historiadores e, en xeral, persoas interesadas pola temática.

- Cal foi a razón pola que decidiu centrar as súas investigacións nesta temática relixiosa?

- É un tema que me interesa porque eu participei da vida dos santuarios dende pequeno. Nacín nunha casa campesiña da parroquia de Baíña (Baiona) e aquí era moi común facer promesas. Se algún neno tiña un problema, o normal era encomendalo a un santo. Eu, en concreto, tiña problemas co sono, levantábame sonámbulo de noite, e miña avoa encomendoume a San Bartolomeu do Monte Alba, ao que se levaban aos nenos que padecían insomnio. Eu era moi pequeñno, pero recórdoo pola impresión que me causou. Había un santo pequeno, a xente pasaba por debaixo del e dabanlle tres golpes co santo na cabeza. Despois, xa máis de mozo, participei noutras romarías: San Campio en Tomiño ou Santa Liberata en Baiona. Cada comarca tiña os seus puntos de referencia.

- No caso de Valga, cal era o seu santuario de referencia?

- As xentes de Valga chegaban incluso ao Santuario da Peregrina, en Pontevedra, pero principalmente acudían á Escravitude, que era un punto de referencia para toda a comarca do Ulla. De feito, alí consérvase o exvoto dun rapaz de Santa María de Xanza chamado Benito Pardal, que sufría unha grave enfermidade e levou consigo un par de bois e un carro a medio uso. Para recuperalos pagaron por eles 700 reais, que para a época era unha cantidade bastante xeitosa.

Nunha parte do meu traballo centreime neste Santuario da Escravitude precisamente polo impacto que tiña en Valga, ía moita xente. Na sacristía consérvanse máis de 50 exvotos pintados sobre táboa –a mellor mostra que hai en toda Galicia–, agradecementos deixados principalmente no século XIX por parte de devotos que suplicaban a intermediación da Virxe por accidentes, enfermidades… Estes exvotos da Escravitude son pictóricos, pero había tamén outros tipos, por exemplo de cera, e outros máis curiosos: partes do corpo se cortaban ou arrincaban, de aí o pelo natural que teñen algunhas imaxes de virxes e santos. Cortar o cabelo era unha forma de agradecerlles a súa mediación ante unha enfermidade ou accidente e, ao ser esta unha parte do corpo que se recupera e volve a medrar, simbolizaba a curación.

- No traballo explícase a orixe destes santuarios e as tradicións e romarías que xurdían ao seu arredor.

- O traballo parte das explicacións populares que tiña cada un destes centros de devocións, como a xente foi lexitimándoos a través de lendas que relatan dende cando se venera a imaxe, como apareceu ou que milagres fixo; feitos extraordinarios que servían para explicar porqué había alí un santuario e non noutro sitio. Estas lendas, de estrutura repetitiva e moi semellantes unhas a outras, eran as que atraían á xente. Outro dos aspectos que se estuda é como os devotos chegaban ao santuario, ás veces en peregrinación ou en penitencia, como entraban en contacto co espazo sagrado e como agradecían a intermediación da virxe ou do santo a partir de exvotos. Tamén había outros elementos de devoción coma fontes con virtudes curativas, pedras ou árbores, nalgúns casos recordos de prácticas precristiás que foron crisitianizadas e que se introduciron nese ámbito do santuario. E, por último, despois da liturxia, a participación en romarías no entorno dos santuarios, alí onde había adros, alamedas, carballeiras, tabernas ou mesóns. Era a parte máis festiva.

O estudo céntrase no Arzobispado de Santiago e no Bispado de Tui, pero a idea é continuar con Mondoñedo, Lugo e Ourense.

- O xurado sinalou, nas súas deliberacións, que a súa pode converterse nunha obra de referencia para outros investigadores e historiadores. Todo un eloxio.

- Esta á unha forma nova de estudar os santuarios, un apartado característico da historia de Galicia que foi máis estudado dende o punto de vista da antropoloxía. Eu mesturo datos cualitativos con datos cuantitativos, de maneira que cando falo da festa non só digo que había gaiteiros ou danzas, unha procesión con xigantes, fogos de artificio ou globos aerostáticos, que tamén era moi común na época. Tamén indico canto valía cada unha desas cousas, incluíndo táboas con reconto de reais ou maravedís, estatísticas de gastos e ingresos por cada un dos santuarios… e aí está a novidade. Achégome á realidade económica que é a que nos di, ao fin e ao cabo, canta importancia se lle daba a estas celebracións e axúdanos a comprender esa relixiosidade doutra maneira.

- Cales foron as fontes das que botou man para completar a súa investigación?

- As fontes primarias fundamentais son de carácter parroquial. Unha boa parte da documentación manexada custódiase nos arquivos diocesanos de Santiago, Tui e outras dióceses de Galicia: libros de contas de confrarías, dos propios santuarios, os chamados libros de fábrica das parroquias e, por suposto, documentación solta emanada da parroquia ou dende os arzobispados. Son contas do propio cura párroco ou que rendían os mordomos, que eran os encargados de facer a festa ou de administrar unha confraría. Para a tese doutoral manexáronse máis dun cento de libros.

- O seu vencello coa historia e coa investigación ven dende moi cedo, sendo case un cativo…

- Empecei aos 14 anos. Crieime con miña bisavoa Aurelia, unha muller moi adiantada ao seu tempo que tiña a virtude ou manía de gardar todo tipo de documentación: caixas de fotos antigas enviadas dende América, cartas da guerra… Ela era costureira, pero tamén levaba leite a Baiona e sempre había alí cegos que cantaban noticias e sucesos. Criarte neste contexto obrígate a estudar Historia. Empecei con estudos de patrimonio inmaterial, facendo recollida de toponimia para distintos concellos da comarca e, cos aforros, marchei a Santiago a estudar. Unha vez licenciado, fixen un Máster de Profesorado, e doutoreime. E agora, o destino dirá.

- E neste punto da súa traxectoria, que supón recibir este Premio Xesús Ferro Couselo?

- É un recoñecemento prestixioso. Trátase dun premio consolidado e de gran importancia a nivel Galicia e que permite aos investigadores dar a coñecer o noso traballo nos ámbitos da historia, etnografía ou antropoloxía. É unha mágoa que premios desta categoría non conten con moita máis participación.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

Volver