- O alambique, unha botella de caña e as anguías son os elementos principais da obra, feita con témperas
- Os premios do certame entregaranse o día 27 de agosto, no acto central da festa
Valga, 12 de agosto de 2022.
A Festa da Anguía e Mostra da Caña do País xa ten cartel anunciador: unha obra feita con témperas pola moza Alexandra Bandín Gómez que será a imaxe da XXXII edición da festa, declarada de Interese Turístico de Galicia.
A obra, que se presentou baixo o lema “En Valga, anguía e caña, o melloriño de España”, ten como elemento central un alambique de destilación da caña, no que aparecen enroscadas varias anguías. O nome da festa inclúese dentro dunha botella de caña e un cartel sinala o lugar das celebracións: o Parque Irmáns Dios Mosquera.
O segundo premio foi para Lois Tasende Gómez, que presentou un debuxo pintado con ceras no que unha anguía serpea sobre outros lugares, personaxes e elementos tradicionais de Valga: coma un alambique, a Bella Otero ou a Casa do Concello. Por último, o terceiro premio outorgouse a Noa Piñeiro Caamaño, cunha obra na que unha anguía suxeita unha botella de caña.
Entre os tres premiados repartiranse un total de 225 euros: 100, 75 e 50 euros, respectivamente.
O xurado estivo presidido pola funcionaria do Concello Mª José Devesa e actuou como secretario o técnico do Museo da Historia, Santiago Chenlo. Os vogais foron os concelleiros de Cultura e Turismo, Pedro Calvo e Malena Isorna.
As bases establecían que as obras que concorreran ao concurso –recibíronse un total de catro– tiñan que facer referencia aos produtos postos en valor na festa, a anguía e a caña, ou a elementos esenciais nos procesos de obtención dos mesmos.
Non se establecían limitacións de técnicas a empregar na elaboración das obras, pero si debían estar elaboradas sobre algún soporte bidimensional (lenzo, cartolina, papel...), incluír obrigatoriamente o escudo do Concello e o texto “XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Agosto 20, 21, 26, 27 e 28”.