- Uns vinte nenos asistiron ao obradoiro “Fai clic ao teu bocata” no recinto do colexio de Baño
- Participaron en xogos de pesca e pintura e recibiron agasallos
Valga, 11 de agosto de 2022.
“Fai clic ao teu bocata”, unha actividade realizada en colaboración coa Consellería do Mar, chegou esta mañá á Escola de Verán para promocionar o consumo de produtos do mar e incidir nos hábitos alimenticios saudables a través das conservas de peixe e marisco.
O obradoiro incluíu unha presentación na que os monitores fixeron fincapé na necesidade de incluír o peixe na dieta dos nenos e mozos, explicándolles que unha das alternativas é introducir nas merendas os bocadillos de conservas, posto que estes produtos envasados manteñen practicamente todas as propiedades nutricionais.
A través dun vídeo, os rapaces coñeceron ás mascotas do taller: Pan, Lata e as súas fillas Trilatas, Bote, Molde e Millo e a algunha delas puideron pintalas nun dos obradoiros que realizaron. Outro dos xogos no que participaron consistiu en pescar diferentes tipos de peixes e mariscos.
O punto forte do obradoiro e o máis agardado polos nenos chegou ao remate, cando puideron degustar bocadillos de sardiñas en conserva con queixo e vexetais. Ademais recibiron agasallos promocionais coma mini neveiras para transportar os seus bocatas e un póster do obradoiro.