Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os bares inscritos son Caprichos, Maneiro, Potel, Couceiro, Auditorio, Praia Fluvial de Valga, Pardal, Comparada, O Pontellón e Alba

- Os petiscos poderán degustarse gratis coas consumicións os días 20, 21, 27 e 28 de agosto

RutaTapasWeb22

Valga, 11 de agosto de 2022.

A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, que o Concello convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, xa ten establecementos participantes. Serán un total de dez: Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Café-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Praia Fluvial de Valga, Bar Alba, Casa Comparada e O Pontellón Café-Bar.

Esta será a novena edición desta iniciativa, coa que se quere promocionar un dos produtos estrela da festa, a anguía, e incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio. O Concello será o encargado de facerlles chegar a anguía xa limpa para que poidan preparar as tapas.

A ruta prolongarase durante as dúas últimas fins de semana do mes de agosto. O apartado de concurso celebrarase unicamente os días 20 e 21, mentres que na seguinte fin de semana (días 27 e 28) tan só haberá degustación. Os petiscos serviranse de xeito gratuíto coas consumicións os sábados en horario de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 e os domingos de 12:00 a 15:00 horas.

O público decidirá cos seus votos cales son as mellores tapas e, polo tanto, os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación é preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todas as persoas que participen na elección das mellores tapas sortearanse dez vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local.

Mantense, ademais, o xurado profesional, que será o encargado de elixir a tapa que se degustará na Festa da Anguía do vindeiro ano 2023.

CartelTapas22

Volver