Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A nova infraestrutura conectará a estrada PO-548 coa zona do colexio, pavillón, tanatorio e igrexa de Santa Comba

- O proxecto, que inclúe a instalación dunha nova pasarela sobre a PO-548, supón un investimento de 737.000 euros

ObrasSenda1

Valga, 9 de agosto 2022.

A senda peonil que unirá a estrada P0-548 coa zona do colexio, pavillón e igrexa de Cordeiro vai collendo forma. Nas últimas semanas as obras experimentaron un notable avance e, de feito, en determinados puntos do percorrido a senda está xa practicamente rematada. O alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo desprazáronse á zona para comprobar o estado dos traballos, nos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta inviste case 737.000 euros.

Esta nova infraestrutura favorecerá a mobilidade nunha zona que conta con importantes dotacións públicas de interese sociocultural: o colexio Ferro Couselo, o pavillón municipal, o tanatorio, a igrexa parroquial de Santa Comba e o xacemento Igrexa Vella. Habilitarase un espazo seguro para os viandantes nun tramo da estrada PO-548 que soporta o paso de máis de 5.000 vehículos ao día.

A senda discorre entre os quilómetros 2’9 e 3’2 da PO-548 –dando continuidade á beirarrúa xa existente na marxe esquerda desta estrada– e continúa despois por unha vía municipal ata desembocar de novo na PO-548 á altura da intersección existente no punto quilométrico 3’9. Dende aquí a nova infraestrutura avanza de novo por estradas de titularidade municipal chegando á zona onde se localizan as instalacións escolares e deportivas. Finalmente, tras pasar sobre a estrada autonómica mediante a instalación dunha nova pasarela elevada, chega á contorna da igrexa.

O proxecto inclúe unha serie de actuacións complementarias, como a ampliación do paso existente sobre o río Louro, a instalación da nova pasarela elevada para pasar sobre a PO-548 e a reordenación do tráfico na intersección existente no punto quilométrico 3,9 da estrada autonómica para mellorar a seguridade viaria e evitar que os condutores realicen manobras indebidas. Tamén se creará unha pequena glorieta na vía municipal pola que discorre a senda.

ObrasSenda3 ObrasSenda2

ObrasSenda4

Volver