- Vinte nenos de 4 a 12 anos asisten ás actividades de conciliación gratuítas organizadas polo Concello
- Nestas primeiras xornadas realizaron xogos de presentación, crearon instrumentos e percorreron o Camiño Portugués
Valga, 5 de agosto de 2022.
Co cambio de mes, a Escola de Verán trocou tamén de participantes, recibindo a unha nova quenda de rapaces que asistirán ás actividades gratuítas organizadas polo Concello ata o vindeiro día 26. Son unha vintena de nenos de entre 4 e 12 anos de idade os que se incorporaron a comezos desta semana á Escola, coa que se trata de facilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar durante o período de vacacións escolares.
A semana comezou cunha serie de xogos de presentación para que os nenos se coñeceran, tamén fixeron as súas propias pulseiras e colares, xogaron ás sillas musicais, realizaron unha xincana deportiva e crearon instrumentos con material reciclado. Por exemplo, unhas tarrañolas feitas con cartón e tapóns que os cativos decoraron con pinturas.
Ademais, adicaron unha das xornadas ao Camiño de Santiago, converténdose en auténticos peregrinos para percorrer un tramo da ruta portuguesa ao seu paso por Valga, entre O Pino e San Miguel.
No que queda de mes, participarán en moitas máis actividades sobre igualdade ou reciclaxe, e en obradoiros coma o que está previsto para o día 11: “Fai clic ao teu bocata”, para promocionar o consumo de conservas de pescado e marisco entre os cativos. Esta actividade tamén está aberta á asistencia de nenos que non participen na Escola de Verán. As inscricións poden realizarse no Concello.