- A actividade terá lugar o vindeiro martes, día 20, coa participación de alumnos de 5º de Primaria dos colexios de Baño e Cordeiro
- O Distrito Forestal tamén imparte nos centros educativos charlas sobre a importancia de respectar o medio natural
Valga, 16 de marzo de 2018.
Escolares dos colexios de Educación Primaria de Valga participarán a vindeira semana nunha prantación de árbores con motivo do Día Forestal Mundial, que se conmemora o 21 de marzo. A actividade, coa que se queren divulgar os valores do monte, das árbores e da natureza en xeral, é organizada polo Distrito Forestal XIX e o Servizo Provincial de Montes da Consellería do Medio Rural, o Concello e os centros educativos.
A prantación terá lugar o vindeiro martes, día 20, pola mañá coa participación do alumnado de 5º curso de Primaria dos colexios de Baño e Cordeiro. Os escolares serán recollidos en autobús nos seus respectivos centros ás 10 horas para trasladarse ao monte, donde recibirán unha pequena explicación da actividade para despois proceder a prantar as árbores, especies forestais autóctonas. Estas son aportadas pola Consellería do Medio Rural que, ademais, realizará a preparación do terreo con cuadrillas do Distrito Forestal. Arredor das 11:30 haberá un pequeno almorzo para os rapaces e, a continuación, regresarán aos colexios.
A actividade complétase con charlas divulgativas impartidas por persoal do Distrito Forestal nos colexios para incidir na importancia de coidar o medio natural.