- Ademais, prepararon unha sobremesa: bolas de galleta cubertas de chocolate e coco
- O concurso Anguía Chef e o showcooking “A caña no prato” teñen aberto o prazo de inscrición
Valga, 4 de agosto de 2022.
Os máis cativos puxeron onte o mandil e o gorro de cociñeiros nunha nova actividade do Agosto Gastronómico: un obradoiro infantil no Parque Irmáns Dios Mosquera que contou coa participación dunha vintena de rapaces.
Os minichefs descubriron que a anguía pode prepararse de múltiples formas e, algunhas delas, moi apetecibles para eles e cunha elaboración moi divertida e doada. Como exemplo as hamburguesas que prepararon durante o obradoiro, empregando ingredientes como pataca cocida, pan raiado e, como non, anguía, que eles mesmos tiveron que desespiñar.
Mesturándoos todos fixeron unha amalgama á que deron forma de hamburguesa e que os chefs encargados da actividade –Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña– cociñaron no Centro de Interpretación da Caña para que puideran comelas ou levalas para as súas casas.
E como colofón a este taller, os pequenos cociñeiros prepararon unha deliciosa sobremesa: unhas bolas feitas con galleta esmigallada e queixo e recubertas con lascas de chocolate e coco.
Nas vindeiras semanas continuarán as actividades do Agosto Gastronómico. As máis inminentes o concurso Anguía Chef, dirixido á mocidade, e o showcooking “A Caña no Prato”. Ambos teñen aberto o prazo de inscrición.