- O gañador na categoría de caña branca recibirá 400 euros e as mellores augardentes de herbas e tostadas acadarán 300 euros cada unha
- O prazo de inscrición estará aberto ata o día 22 de agosto
Valga, 2 de agosto de 2022.
O Concello de Valga convoca un ano máis o Concurso da Caña do País, unha iniciativa que se enmarca dentro da programación da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que se celebra na última fin de semana de agosto.
Ao certame poden concorrer destiladores artesanais que estean empadroados en Valga, nas tres modalidades habituais: caña branca, tostada e de herbas. Os interesados en participar deben acudir ás oficinas municipais a solicitar as botellas correspondentes e, despois, presentar os licores debidamente embotellados xunto á folla de inscrición. O prazo permanecerá aberto ata as 14:00 horas do día 22 de agosto.
A principal novidade desta edición e o incremento na contía dos premios, que pasan de 700 a 1.000 euros, en total. O produtor da mellor caña branca será gratificado con 400 euros, mentres que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 300 euros. Os segundos clasificados recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo.
As catas das augardentes terán lugar os días 25 e 26 de agosto nas instalacións do Centro de Interpretación da Caña do País. O vencedor de cada unha das modalidades quedará obrigado a entregar ao Concello o garrafón da augardente premiada.