- A charla comezará ás 11:30 horas e os interesados poden inscribirse a través da páxina web da Rede CeMIT ou no Auditorio
- A plataforma E-Saúde permite acceder desde calquera dispositivo a contidos personalizados de saúde
Valga, 15 de marzo de 2018.
A Aula CeMIT de Valga retransmite o vindeiro luns, 19 de marzo, a partir das 11:30 horas a conferencia “A saúde nun clic. Plataforma E-Saúde”, na que se falará sobre esta aplicación informática que constitúe a ferramenta do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a comunicación coa cidadanía, accesible desde calquera dispositivo (ordenador, teléfono móvil, tableta…) e que facilita o acceso a servizos e contidos de saúde personalizados.
As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web da Rede CeMIT (no seguinte enlace https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/24361) ou de xeito presencial na propia aula de Valga, no Auditorio. Son 20 as prazas dispoñibles para persoas de entre 16 e 85 anos de idade.
A Plataforma É-Saúde é unha ferramenta dixital dirixida a pacientes e cidadáns que poden acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a internet. Permite consultar e xestionar as citas, revisar a folla de tratamentos, os informes de alta, informes de probas diagnósticas, entre outras prestacións, directamente dende o móbil, ordenador ou tablet.
Ademais, os usuarios poden descargar os informes dos programas de Saúde Pública. En concreto, os informes de prevención e detección precoz de metabolopatías, xordeira neonatal, cancro de mama e cancro de colon, ademais do calendario de vacinacións. Poden, igualmente, acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programado.