Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O proxecto abarca os lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi, co obxectivo de favorecer o aproveitamento agrario das terras

- As persoas interesadas teñen de prazo ata finais de agosto para enviar as súas achegas

VistaMartores

Valga, 2 de agosto de 2022.

A reestruturación parcelaria da zona de San Miguel –que abarca os lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi–  continúa a avanzar na súa tramitación. Ata finais do mes de agosto, a Dirección Xeral de Dexenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural somete ao trámite de información pública o estudo previo de iniciación, no que se conclúe que a reestruturación cumpre as características de viabilidade para que a Consellería do Medio Rural propoña a súa declaración de utilidade pública.

A documentación que integra este estudo pode consultarse  través da ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos, dentro da epígrafe de consultas públicas. Os planos que forman parte do estudo tamén poden consultarse no Concello.

Durante o prazo dun mes, contado a partir do 26 de xullo –día no que se publicou o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia–, as persoas interesadas poderán realizar as achegas que consideren oportunas, mediante escrito dirixido á directora xeral de Desenvolvemento Rural. As propostas recibidas serán analizadas polo servizo provincial competente e, se é o caso, incorporadas na redacción final do estudo previo de iniciación.

A reestruturación parcelaria de San Miguel de Valga, xestionada polo Concello ante a Consellería do Medio Rural a petición dun grupo de veciños e propietarios de terreos da zona, ten como obxectivo reordenar a propiedade da terra para mellorar a estrutura territorial agraria.

En concreto, preténdese mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias, de acordo con criterios de ordenación sustentable dos seus cultivos e aproveitamentos co fin de fixar poboación no medio rural e, así, facer rendible a actividade produtiva.

O proceso tamén persegue establecer medidas de agrupación e redimensionamento das terras que non formen parte de explotacións agrarias, para así facilitar a súa mobilización para uso agrícola e favorecer a loita contra o abandono, a formación de novas explotacións ou a súa incorporación ás xa existentes.

Volver