- A actividade gastronómica desenvolverase os días 20, 21, 27 e 28 de agosto, con tapas gratuítas nos locais
- Os gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce elexiranse por votación popular e un xurado profesional escollerá o petisco que se degustará na Festa da Anguía do 2023
Valga, 1 de agosto de 2022.
A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, que o Concello convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, celebrarase as dúas últimas fins de semana do mes de agosto. Será a novena edición desta iniciativa, coa que se quere promocionar un dos produtos estrela da festa, a anguía, e incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio.
Os bares e restaurantes que queiran participar no certame gastronómico teñen de prazo ata o día 10 de agosto para anotarse. A folla de inscrición poden descargala na páxina web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) ou nas oficinas do Concello e deben entregala debidamente cuberta no Rexistro.
A degustación de petiscos nos establecementos participantes prolongarase durante dúas fins de semana completas, as do 2o e 21 de agosto e 27 e 28. As tapas, que terán como produto estrela a anguía, serviranse de xeito gratuíto coas consumicións. A parte de concurso desenvolverase unicamente durante a primeira fin de semana, quedando o 27 e 28 de agosto como xornadas de degustación.
No referido aos premios, o público decidirá cos seus votos cales son os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación é preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todos os participantes sortearanse dez vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local.
Tamén se mantén o xurado profesional, que será o encargado de elixir a tapa que se degustará o vindeiro ano na Festa da Anguía.