- Os dous grupos percorreron varios tramos da Ruta Xacobea ao seu paso por Valga
- Os rapaces aproveitaron a camiñada para recoller o lixo ían atopando
Valga, 29 de xullo de 2022.
Entre a multitude de peregrinos que a diario transitan polo Camiño de Santiago, estiveron tamén nos últimos días os nenos que participan nas actividades da Escola de Verán e os usuarios do CODI, que percorreron, por separado e en distintas xornadas, parte do tramo valgués da ruta portuguesa.
O grupo máis numeroso foi o da Escola de Verán, con preto de cincuenta rapaces que iniciaron a súa particular peregrinación na zona do Pino e atravesaron o Monte Albor ata San Miguel. A camiñada tivo, tamén, un compoñente ambiental, xa que os cativos foron recollendo o lixo que atoparon polo Camiño, para mantelo limpo. Á altura de Chenlo, na área de descanso, fixeron unha parada para merendar e coller folgos antes de afrontar os últimos metros do seu percorrido.
Un traxecto similar foi o que realizaron os usuarios do CODI, aínda que neste caso o punto de saída foi Casal de Eirigo. En ambos casos, os grupos de peregrinos foron acompañados polos voluntarios do programa XacobeAndo, que durante o verán realizan en Valga promoción e accións de coidado do Camiño Portugués.