- O certame repartirá tres premios consistentes en vales de compra de 100, 75 e 50 euros para as mellores creacións
- O prazo para entregar as obras estará aberto ata o día 10 de agosto
Valga, 27 de xullo de 2021.
O Concello de Valga convoca, un ano máis, un concurso artístico para elixir o cartel anunciador da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, unha celebración que está declarada de Interese Turístico de Galicia.
Ao certame, que repartirá 225 euros en premios, pode concorrer calquera veciño de Valga, tanto nenos como adultos, co único requisito de estar empadroado no concello. Teñen que presentar unha obra que faga referencia aos produtos postos en valor na festa, a anguía e a caña, ou a elementos que sexan esenciais nos procesos de obtención destes produtos.
Non se establecen limitacións de técnicas a empregar na elaboración das obras, pero si deben axustarse á medida A3 (297 x 420 mm.) e ter orientación vertical. Deben estar elaboradas sobre algún soporte bidimensional coma lenzo, cartolina, papel... Os orixinais levarán obrigatoriamente o escudo oficial do Concello de Valga e o texto “XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Agosto 20, 21, 26, 27 e 28”, e deben identificarse con un lema ou pseudónimo.
O prazo para presentarse ao concurso estará aberto ata o día 10 de agosto. Os participantes deben presentar no Concello a obra orixinal e un sobre pechado identificado co mesmo lema que utilizaron para a obra. No interior xuntarase a folla de inscrición (que pode descargarse na ligazón https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) debidamente cuberta e os datos persoais, enderezo e teléfono de contacto.
Outorgaranse tres premios dotados con 100, 75 e 50 euros en vales de compra que poden ser empregados en establecementos comerciais de Valga. Ademais, a obra gañadora do primeiro premio será o cartel anunciador da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.