Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O veredicto darase a coñecer o día 30 de xullo, coincidindo coa data de nacemento do Fillo Predilecto de Valga

- Os premios das dúas modalidades ascenden a 7.000 euros en total

ReuniónXuradoPXFC1

Valga, 27 de xullo de 2022.

O xurado da vixésimo terceira edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo reuniuse este mediodía de forma telemática para deliberar sobre os cinco traballos presentados ao certame e elixir aos gañadores das dúas modalidades.

O tribunal, presidido polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, estivo integrado por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. Na xuntanza virtual tamén participaron o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e dous técnicos municipais, Santiago Chenlo e Vanessa Losada.

Foron catro as propostas que se presentaron na primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte.

O quinto traballo recibido presentouse á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

Os gañadores das dúas modalidades daranse a coñecer o vindeiro 30 de xullo, cando se cumpren 116 anos do nacemento de Xesús Ferro Couselo. As obras premiadas quedarán en poder do Concello de Valga, que se reserva o dereito de publicación.

Este premio busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega.

ReuniónXuradoPXFC2 ReuniónXuradoPXFC3

 

Volver