Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Están a colocar carteis advertindo sobre os efectos da chamada “basuraleza” sobre o entorno e sobre a fauna

- O coidado da Ruta Xacobea é un dos proxectos centrais que estes mozos desenvolven en Valga ata finais de agosto

CarteisCamiño1

Valga, 26 de xullo de 2022.
O valor paisaxístico e ambiental é un dos grandes activos do Camiño de Santiago e coidalo é responsabilidade de todos, tanto dos veciños dos lugares polos que discorre a ruta coma dos peregrinos que a diario a transitan.

Para concienciar sobre a importancia de manter limpo o Camiño, púxose en marcha unha campaña que trata de reducir o lixo que ensucia o tramo que discorre polo termo municipal de Valga. A actividade corre a cargo dos voluntarios do programa “XacobeAndo”, que durante o verán desenvolven no noso concello actividades de promoción e coidado do Camiño Portugués, e consiste na colocación de carteis en distintos puntos da ruta advertindo das consecuencias negativas de tirar lixo fóra dos contedores ou papeleiras habilitadas.

Os carteis, en castelán e inglés, inclúen mensaxes coma “Non o tires aquí. Hai un colector de lixo cerca” ou “Busca o cubo do lixo máis próximo” e imaxes de animais afectados por residuos, especialmente plásticos. Deste xeito trátase de advertir das graves consecuencias que o lixo que tiramos nos espazos naturais pode ter sobre o entorno e, ademais, sobre a fauna.

A campaña iniciouse no tramo do Camiño comprendido entre San Miguel e o límite co concello de Pontecesures e, en próximas datas, continuarase noutras zonas.

O programa “XacobeAndo” é unha iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta. Os voluntarios, mozos de entre 18 e 30 anos, que están desprazados en Valga son cinco e proceden de Córdoba, Grecia, Lituania, Letonia e Estonia.

Ata finais de agosto realizarán actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo, Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaboran en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural, a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño, e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais, traballando en moitos casos en colaboración con entidades e asociacións do noso concello.

CarteisCamiño2 CarteisCamiño3

Volver