- Os expedicionarios visitaron o Belén, Mina Mercedes, o Museo e o parque Irmáns Dios Mosquera
- Asistiron a unha conferencia sobre o Camiño de Santiago a cargo de Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea
Valga, 24 de xullo de 2022.
Valga recibiu esta tarde aos 156 expedicionarios da Ruta Quetzal, mozos de toda España, que, en vésperas do Día de Santiago, están a rememorar a viaxe que fixo o corpo sen vida do Apóstolo dende Jaffa (Palestina) ata Galicia no século I, a coñecida coma Traslatio.
A expedición, que se desenvolve en colaboración con Mar de Santiago -proxecto turístico do que forma parte o Concello de Valga-, tivo como punto de inicio Braga e, nos últimos días, percorreu o norte de Portugal e a costa galega ata chegar a Valga, onde foron recibidos polos concelleiros Malena Isorna e José Ángel Souto. A primeira parada do grupo foi o Belén Artesanal en Movemento, que os deixou abraiados pola súa orixinalidade, e así o fixeron constar por escrito no libro de sinaturas do nacemento.
Dende alí fixeron un percorrido a pé que os levou pola Mina Mercedes, O Carballiño, A Bouza e Pontevalga, ata chegar ao Parque Irmáns Dios Mosquera, base de operacións na que acamparon para pasar a noite. Nesta zona, os mozos visitaron outros espazos de interese coma o Centro de Interpretación da Caña do País e o Museo da Historia. Neste último, puideron descubrir os aspectos máis salientables do territorio, a cultura e o patrimonio valgueses, así coma figuras de gran relevancia cultural e histórica coma Xesús Ferro Couselo ou A Bella Otero.
A última actividade que desenvolveron no noso concello foi a conferencia “O Camiño de Santiago” a cargo do presidente da Academia Xacobea e exconselleiro da Xunta de Galicia Xesús Palmou, e á que asistiu tamén Íñigo de la Quadra-Salcedo, fillo do emblemático aventureiro Miguel de la Quadra.