Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Unha ducia de persoas percorreron onte a ruta fluvial entre Pontecesures e Vilanova e visitaron o Museo da Historia atraídos pola figura da Bella Otero

- As viaxes terán unha periocidade semanal durante os meses de verán

ExcursiónMdS1

Valga, 22 de xullo de 2022.
Mar de Santiago puxo onte en marcha o seu principal produto turístico, a excursión polo territorio dos catro concellos que forman o xeodestino, e trouxo a Valga a unha ducia de turistas galegos, nacionais e internacionais que descubriron algúns dos atractivos que agocha este territorio bañado polas augas do río Ulla e da Ría de Arousa.

Os viaxeiros gozaron coa singularidade da ruta fluvial, cos atractivos paisaxísticos do esteiro do río Ulla, coa súa flora e fauna, facendo pequenas paradas no percorrido para que o guía lles explicara os diferentes puntos polos que discorre este traxecto en barco. Unha das paradas tivo lugar na praia fluvial de Vilarello, para que os turistas contemplaran a beleza desta área natural e de lecer, unha das principais do noso concello.

Unha vez rematado o percorrido marítimo-fluvial, deu comezo a segunda parte da excursión: a terrestre. Un autobús levou aos viaxeiros polos catro concellos e achegounos a algúns dos seus principais recursos turísticos: unha adega en Vilanova, o miradoiro de Pedras Miúdas en Catoira, o porto fluvial en Pontecesures e, en Valga, o Museo da Historia Local.

Nas instalación museísticas, a expedición –na que había persoas chegadas dende Nova York e Castellón– foi recibida polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Turismo, Malena Isorna. A figura da Bella Otero e a súa historia de vida fascinante foi para eles un dos principais atractivos, pero tamén tiveron ocasión de coñecer outros persoeiros do noso Concello, coma Xesús Ferro Couselo, e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Valga.

A excursión Mar de Santiago repetirase cunha periodicidade semanal durante os meses de verán. O coordinador da mesma, Luis Rendo, destacou que a acollida inicial deste produto turístico está a ser “moi boa”. Na viaxe inaugural “conseguimos atraer a público nacional e internacional” e “estas primeiras experiencias servirannos para coñecer que é o que os turistas demandan para, pouco a pouco, ir deseñando un produto o máis atractivo posible que saque partido e poña en valor a historia de Mar de Santiago”.

ExcursiónMdS2 ExcursiónMdS3

ExcursiónMdS4

Volver