- Solicítase que as augas pluviais non se dirixan cara o regato do Soutiño para evitar novos problemas de inundacións na Devesa
- Tamén se piden medidas correctoras para o impacto que o polígono terá sobre o Centro de Saúde, colexios e outras dotacións públicas, a nivel acústico e de mobilidade
Valga, 22 de xullo de 2022.
A Corporación municipal reuniuse onte nun Pleno extraordinario no se se debateu sobre o proxecto do Parque Empresarial de Pontecesures, que recentemente foi aprobado inicialmente pola Xunta de Galicia e se atopa en período de información pública.
Na sesión, á que asistiron numerosos veciños afectados tanto de Valga coma de Pontecesures, aprobáronse por unanimidade as alegacións que presentará o Concello, que se ve afectado por este proxecto xa que os terreos nos que se pretende instalar o polígono son lindeiros co termo municipal valgués.
As alegacións céntranse en dous aspectos: a xestión da auga e a existencia de dotacións públicas especialmente sensibles ao carón do futuro parque empresarial: Centro de Saúde, PAC con garda as 24 horas, gardería, colexio de Baño, IES de Valga, centro de FP, equipamentos deportivos, Centro para persoas con discapacidade...
En canto á primeira cuestión, solicítase que as canalizacións de recollida de pluviais non se realicen a través de condutos que dirixan a auga cara o regato do Soutiño, na Devesa, un punto crítico en canto a desbordamentos no que durante anos foron frecuentes as inundacións, algunhas especialmente graves con afeccións a vivendas. Neste sentido, o alcalde, foi claro ao expoñer que “non imos permitir que o proxecto se leve a cabo nas condicións nas que está, baixo ningún concepto. Porque non queremos retroceder a hai 15 anos, cando tiñamos que ir coa zodiac a rescatar a xente das súas casas”.
Noutra das alegacións, pídese que a dotación das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento do parque, especialmente as relacionadas coa xestión da auga, se resolvan a través dos viais e os terreos do concello de Pontecesures.
No relacionado ás infraestruturas educativas, deportivas e asistenciais existentes na zona, reclámase a realización dun estudo de ruído que inclúa unha análise do impacto que o parque empresarial e a súa actividade poden ter sobre elas e que se proxecten as medidas redutoras necesarias para garantir o correcto funcionamento das dotacións xa existentes e tamén das previstas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Outro dos puntos preocupantes, a xuízo dos técnicos municipais, é a afección sobre estradas de titularidade do Concello nas zonas de Baño e A Tarroeira. Por iso, solicítase a realización dun estudo de mobilidade que analice o impacto do novo tráfico que o parque empresarial xeraría na zona. “Está claro que a implantación dun polígono vai repercutir, incrementando notablemente o tráfico pesado. E hai que ter en conta que por ese lugar camiñan con frecuencia rapaces que van ao colexio, peóns que van ao Centro de Saúde, etc”.
No transcurso do debate acordouse, tamén por unanimidade, solicitar que Augas de Galicia emita un informe ao respecto sobre a existencia de regatos e canles de auga que non aparecen recollidos no proxecto inicial do polígono, así como a creación dunha mesa de traballo formada por representantes dos tres partidos da Corporación.
Deste acordo plenario, que se acompaña dun informe técnico, darase traslado ao Instituto Galego de Vivenda e Solo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e ao Concello de Pontecesures.