- Un conto e unha xincana foron algunhas das actividades coas que se tratou de concienciar aos rapaces
- Os máis pequenos tamén crearon o seu propio xoguete seguro
Valga, 23 de xullo de 2022.
A Escola de Verán, organizada polo Concello de Valga para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares, centrou a súa actividade esta mañá no consumo responsable a través do obradoiro “Veráns de lecer consumo”, unha iniciativa promovida pola Xunta en colaboración co Instituto Galego de Consumo.
O taller estivo enfocado na concienciación dos máis cativos sobre o consumo responsable, a través de diferentes propostas lúdicas en función das idades dos rapaces. Para os máis pequenos, de entre 3 e 6 anos, o obradoiro deu comezo cun conto e, a continuación, crearon o seu propio xoguete seguro: unha bolboreta. Esta actividade serviu para darlles información sobre os requisitos que deben cumprir os xoguetes para ser considerados seguros para os consumidores.
Os demais rapaces, a partir de 7 anos de idade, participaron nunha xincana con tres probas: o Rosco do lecer activo (no que, simulando o concurso “Pasapalabra”, debían adiviñar diferentes termos partindo da súa definición), As tres R’s (reduce, recicla e reutiliza) e Quédate coa boa (determinar se as diferentes situacións que lles plantexaron eran ou non exemplos de consumo responsable).