Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A expedición partiu de Valga esta madrugada e na fin de semana ofrecerá varios concertos na localidade castelá leonesa

- A actividade conta coa colaboración do Concello, que se fai cargo das viaxes en autobús

BandaMMV

Valga, 18 de xullo de 2022.

A Escola Municipal de Música traslada durante esta semana a súa actividade a Ponferrada, onde desenvolve a XXIII edición do seu campamento de verán, unha iniciativa que permite ao alumnado compartir unhas xornadas musicais e tamén experiencias de ocio.

A expedición partiu a pasada madrugada rumbo á localidade castelá leonesa, onde a súa estadía se prolongará ata o día 24. Na viaxe participan cincuenta e catro músicos da Banda de Música Municipal, da Orquestra e da Banda e da Orquestra Peques. Acompáñanos mestres da Escola, membros da asociación Musival e dous monitores de tempo libre.

Durante a semana, os músicos asisten a clases colectivas e sesións de ensaio, que compaxinan con actividades de lecer e tempo libre e visitas culturais. Entre estas últimas, teñen previstas visitas ao Castelo dos Templarios e aos museos da Enerxía, do Ferrocarril, do Bierzo e o Museo da Radio “Luis del Olmo”, entre outras actividades e percorridos pola vila ponferradina.

Cara finais de semana están previstas dúas actuacións das agrupacións valguesas. O venres, a Orquestra Clásica actuará na Basílica de Nosa Señora da Aciñeira e, o sábado, a Banda de Música Municipal ofrecerá un concerto na Praza do Concello.

Este campamento é organizado entre a Escola de Música e a asociación cultural Musival coa colaboración do Concello, que financia os traslados en autobús.

Volver