- A concelleira de Turismo, Malena Isorna, presenciou a saída da travesía dende a praia fluvial, onde actuou a Banda
- O cantautor Amancio Prada participou na actividade a bordo da embarcación “Roxiña”
Valga, 16 de xullo de 2022.
Coincidindo coa festividade da Virxe do Carme, as xentes do mar homenaxearon un ano máis a Rosalía de Castro cunha travesía en dorna polo río Ulla que, como xa é tradición, tivo o seu punto de partida na praia fluvial de Vilarello.
Unha vintena de embarcacións tradicionais reuníronse na área recreativa para participar na décima edición de “Inchadiña branca vela”, actividade que toma o nome dun dos poemas rosalianos, publicado na obra Cantares Gallegos: “Que inchadiña branca vela, antre os millos corre soa, misteriosa pura estrela! Dille o vento en torno dela: Palomiña, voa!, voa!”.
A concelleira de Turismo, Malena Isorna, asistiu á botadura das dornas e alí saudou ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, a Amancio Prada, que foi un dos participantes na travesía. O cantautor, que ten dedicado parte da súa carreira a musicar textos rosalianos, remontou o Ulla a bordo da embarcación “Roxiña”.
A Banda Municipal de Música de Valga amenizou a saída da ruta fluvial, que tamén puido contemplarse dende o novo pantalán de Santa Cristina, en Campaña. Alí déronse cita un grupo de veciños para saudar o paso das dornas.