Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O acto de presentación tivo lugar esta mañá coa asistencia da concelleira de Turismo, Malena Isorna

- A expedición estará no noso concello na véspera do Día do Apóstolo, o 24 de xullo

Quetzal1

Valga, 13 de xullo de 2022.

A concelleira de Turismo, Malena Isorna, asistiu esta mañá á presentación da Ruta Quetzal 2022, que con motivo do Ano Santo 2021-2022, rememorará a Traslatio, a última viaxe que, segundo a tradición, fixeron os restos do Apóstolo Santiago dende Jaffa (Palestina) ata Galicia no ano 44 d.C.

No acto participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, Íñigo de la Quadra-Salcedo, fillo do emblemático aventureiro Miguel de la Quadra, e representantes dos catro concellos de Mar de Santiago, destino turístico do que forma parte Valga e que é un dos promotores desta expedición.

A viaxe de estudos e aventuras deste grupo de 150 mozos de toda a xeografía española terá unha duración de dez días, nos que realizarán un percorrido histórico dende Braga ata Santiago, seguindo o itinerario da antiga Vía Romana XX polo norte de Portugal e a costa atlántica galega. O día 23 de xullo teñen previsto realizar o remonte do Ulla, ao igual que fixera no século I o corpo decapitado do Apóstolo na barca da pedra, seguindo a ruta que deu orixe ao Camiño de Santiago.

Na xornada seguinte, 24 de xullo, o grupo de expedicionarios estará en Valga durante toda a tarde, coñecendo distintos enclaves e espazos de interese turístico e cultural do noso concello. Realizarán unha visita ao Belén Artesanal en Movemento, achegaranse á Mina Mercedes para gozar desta fermosa paraxe natural e, a continuación, farán un percorrido a pé ata o Museo da Historia, que tamén visitarán xunto ao Centro de Interpretación da Caña do País.

Ás 20:00 horas serán recibidos polo alcalde, que lles dará a benvida xusto antes de asistir á conferencia “O Camiño de Santiago”, a cargo do presidente da Academia Xacobea e exconselleiro da Xunta Xesús Palmou.

O grupo instalará o seu campamento no Parque Irmáns Dios Mosquera, onde pernoctarán para, á mañá seguinte, Día do Apóstolo, realizar o último tramo da ruta ata Santiago.

Quetzal2

Volver