Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e o concelleiro de Xuventude recibiron este mediodía no Concello aos cinco mozos, que traballarán en Valga ata finais de agosto

- Desenvolverán iniciativas relacionadas co medioambiente e a inclusión e crearán contidos dixitais sobre a Ruta Xacobea

Xacobeando1

Valga, 11 de xullo de 2022.

Cinco voluntarios procedentes doutros tantos países europeos estarán en Valga ata finais de agosto para colaborar en actividades de coidado e promoción do Camiño de Santiago, a través do programa “XacobeAndo”, promovido pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.

Os mozos, de entre 18 e 30 anos, son orixinarios de Córdoba, Grecia, Lituania, Letonia e Estonia. Con estes dous últimos países, o Concello de Valga mantén un vínculo especial a través das localidades homónimas de Valga (Estonia) e Valka (Letonia), coas que está irmandado. Así llo explicou o alcalde, José María Bello Maneiro, aos voluntarios na recepción que tivo lugar este mediodía no Salón de Plenos, e na que estivo acompañado pola tenente alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Xuventude, Pedro Calvo. A continuación, os mozos tiveron ocasión de coñecer o Museo da Historia a través dunha visita guiada polo técnico municipal Santiago Chenlo.

Durante case dous meses, os cinco voluntarios realizarán actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo, Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaborarán en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural, a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño, e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.

Traballarán en colaboración con entidades e asociacións do noso concello e estarán en permanente contacto co Camiño (nos últimos días realizaron camiñadas entre Caldas e Valga e dende Valga a Padrón) e cos peregrinos. De feito, terán coma base un local municipal anexo ao albergue, o que lles permitirá colaborar na xerencia da pousada e realizar actividades cos camiñantes.

Durante esta semana enfocarán o seu traballo ao ámbito medioambiental e da sostibilidade, con campañas de recollida de lixo e identificación de “puntos críticos” que poidan existir no Camiño. Tamén está previsto que desenvolvan algunha actividade vencellada á compostaxe, en colaboración coa Oficina de Compostaxe do Concello.

 

Xacobeando2 Xacobeando3

Volver