- Aos participantes de máis idade e aos nenos entregouselles tamén un diploma e un agasallo
- Estiveron no acto o alcalde e os concelleiros Román Castro, Malena Isorna e José Lagos
Valga, 6 de xullo de 2022.
Os peregrinos que completaron a peregrinación entre Tui e Santiago organizada polo Concello recibiron as Compostelas, que acreditan que percorreron a pé 100 quilómetros ou máis da Ruta Xacobea, neste caso o Camiño Portugués.
O acto de entrega tivo lugar no Auditorio Municipal e nel participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Román Castro, Malena Isorna e José Lagos. Ademais da entrega das Compostelas, tamén se fixo un recoñecemento e entregouse un agasallo aos peregrinos de maior idade (Luz Castroagudín, Arturo Fabeiro e Román Castro) e aos máis cativos (Sofía Serramito e Xavi e Sheila Precedo).
A peregrinación iniciouse o día 9 de abril en Tui e dividiuse en oito etapas, pasando por localidades coma O Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Valga ou Padrón. A última etapa, entre O Milladoiro e a Praza do Obradoiro, completouse o día 21 de maio e o 5 de xuño celebrouse na Catedral de Santiago unha misa á que asistiron máis de 350 valgueses.
As fotografías da peregrinación atópanse expostas no Auditorio. As imaxes están numeradas de maneira que os participantes na actividade poidan identificalas e solicitar no Concello aquelas fotos das que queiran copias.