- Os terreos, anexos ao actual recinto do instituto, permitirán habilitar unha zona de xardín, invernadoiro e viveiro
- Na sesión ordinaria, o alcalde propuxo a celebración dun pleno sobre o polígono de Pontecesures
Valga, 5 de xullo de 2022.
A Corporación municipal, reunida onte en Pleno ordinario, aprobou por unanimidade a cesión á Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades dunha parcela de 3.000 metros cadrados de superficie para a implantación no IES de Valga dun novo ciclo de Formación Profesional básica de Agroxardinería e Composicións florais, que comezará a impartirse no vindeiro curso 2022-2023.
Os terreos, anexos ao recinto do instituto e de titularidade municipal, forman parte da parcela do vello campo de fútbol de Baño, na actualidade sen uso, e permitirán habilitar os espazos e infraestruturas axeitados para a realización dos módulos teóricos e prácticos do ciclo: unha aula polivalente, un almacén e unha superficie de xardín, invernadoiro e viveiro de 1.300 metros cadrados.
O ciclo, que poderá contar cun máximo de 30 alumnos, centrarase na elaboración de composicións con flores e plantas, operacións auxiliares en cultivos, produción de planta en invernadoiros ou en centros de xardinería. Deste xeito, o IES ábrese a unha nova rama profesional vencellada ao sector agrario, que o goberno municipal considera interesante tendo en conta que Valga está situada nunha comarca na que actividade hortofrutícola é salientable, con pequenas e medianas empresas dedicadas ao cultivo agrícola, á produción de plantas e ao acondicionamento e mantemento de xardíns e zonas verdes.
O alcalde, José María Bello Maneiro, recalcou que o Concello traballa en estreita colaboración coa dirección do IES para ampliar a oferta formativa que ofrece este centro, de referencia na contorna e no que se imparten ensinanzas de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato (nas modalidades de Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais), e ciclos formativos medios, básicos e superiores da familia profesional da Fabricación Mecánica, en concreto de Soldadura, Mecanizado, Construcións Metálicas, Soldadura e Caldeiraría e Fabricación e Montaxe, aos que agora se añade o ciclo de Agroxardinería.
Ademais, o rexedor lembrou que “hai tempo que o goberno local está intentando acadar o Bacharelato de Artes. Ata o de agora non se conseguiu pero non imos abandonar a nosa loita porque entendemos hai argumentos válidos e suficientes para que se imparta en Valga”.
Ademais, deste punto, no Pleno tamén se aprobou por unanimidade unha moción do grupo municipal socialista contra a LGTBIfobia e deuse conta do informe de liquidación do orzamento municipal de 2021.
A preguntas do concelleiro das Mareas, o alcalde propuxo celebrar un pleno sobre o proxecto do polígono empresarial de Pontecesures, que pretende emprazarse na zona da Tarroeira, lindeira co termo municipal de Valga. Ao respecto deste proxecto, o alcalde explicou que o Concello xa presentou alegacións, no seu día, cando se incluíu este polígono no Plan Sectorial de Áreas empresariais de Galicia. As alegacións centráronse en tres aspectos. a inclusión de terreos pertencentes ao Concello de Valga (que no proxecto actualizado xa quedan excluídos); a posible afección do polígono a equipamentos públicos “sensible” coma o Centro de Saúde, o CODI, o colexio de Baño, a Escola Infantil ou o IES; e que a xestión das augas pluviais se resolva a través das infraestruturas do Concello de Pontecesures, a fin de que a actuación non condicione a planificación nin o desenvolvemento futuro de Valga e que non provocar problemas de desbordamentos na zona da Devesa como era frecuente hai anos, “uns tempos difíciles xa superados grazas ás obras executadas pola Xunta”.
Bello Maneiro indicou que na actualidade, os técnicos municipais están a estudar o proxecto, que se atopa en período de información pública.