- As dúas agrupacións desenvolven, dende o pasado verán, un intercambio musical
- O alcalde e a concelleira Malena Isorna deron a benvida aos músicos leoneses e fixeron a entrega oficial do novo estandarte á banda municipal
Valga, 4 de xullo de 2022.
As bandas de música de Valga e de Astorga ofreceron esta fin de semana un concerto conxunto no Auditorio Municipal como parte do intercambio que están a levar a cabo. O pasado verán, integrantes da agrupación valguesa desprazáronse ata a localidade leonesa para desenvolver o seu tradicional campamento estival e, nestes días, a banda de Astorga visita Valga para completar a actividade.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira responsable da Escola de Música, Malena Isorna, asistiron ao acto no Auditorio, onde deron a benvida aos músicos astorganos e agasallaron ao presidente da agrupación convidada cunha botella conmemorativa da última Mostra da Caña do País.
Ademais, durante o concerto, o rexedor e a concelleira fixeron entrega oficial á Banda Municipal de Valga do novo estandarte que lucirán nas súas actuacións. A enseña é de terciopelo negro, co escudo de Valga no centro e bordados dourados.
En canto ao apartado musical, a Banda de Valga, dirixida por Manuel Villar Touceda, foi a encargada de abrir o concerto interpretando os temas “Vieiros de Luz”, Miña Terra Galega” e “A travesía do meigo”, obra de estrea composta por Abe Rábade, que forma parte do claustro de profesores do Conservatorio Superior de Música. Nesta peza a banda contou co acompañamento da frauta solista Laura Lorenzo.
A segunda parte do concerto estivo protagonizada pola Banda Municipal de Música de Astorga que, con Luis Miguel Abello á batuta, tocou o pasodobre “A mi madre”, “El trust de los Tenorios” e “Episcopus Castrum”.
Para pechar as actuacións, as dúas agrupacións compartiron escenario para interpretar “Amparito Roca” e a xota galega “Feiticeira”.