Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A oferta educativa do centro ampliarase a partir do curso 22-23 con estudos de Agroxardinería e Composicións florais

- Ademais, o instituto pasará ter a consideración de Plurilingüe

VistaIESdeValga

Valga, 24 de xuño de 2022.
A Comisión Informativa especial de Contas, Economía, Facenda, Patrimonio e Interior reunirase o vindeiro mércores para estudar a proposta que o equipo de goberno levará ao próximo Pleno para continuar ampliando tanto as instalacións coma a oferta educativa do IES de Valga: a cesión á Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades dunha parcela anexa ao centro, de titularidade municipal, para implantar un novo ciclo de Formación Profesional básica de Agroxardinería e Composicións florais.

Nos terreos obxecto de cesión gratuíta está previsto que se acondicionen os espazos precisos para o desenvolvemento das ensinanzas deste ciclo formativo, tanto teóricas coma prácticas, a partir do próximo curso 2022-2023.

Deste xeito, o Concello continúa traballando en estreita colaboración coa dirección do IES para ampliar a oferta formativa que ofrece este centro, de referencia na contorna e no que, actualmente, se imparten ensinanzas de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato (nas modalidades de Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais), e ciclos formativos medios, básicos e superiores da familia profesional da Fabricación Mecánica.

Coa incorporación, a partir de setembro, deste novo ciclo de Agroxardinería, o centro ábrese a unha nova rama profesional vencellada ao sector agrario, que o goberno municipal considera interesante tendo en conta que Valga está situada nunha comarca na que actividade hortofrutícola é salientable, con pequenas e medianas empresas dedicadas ao cultivo agrícola, á produción de plantas e ao acondicionamento e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Centro Plurilingüe
Ademais, o IES de Valga pasará a ser a partir do próximo curso un centro Plurilingüe, tal e como vén de confirmar a Consellería de Educación, previa aprobación unánime do Consello Escolar e do claustro de profesores. Os novos alumnos do instituto, os que comecen 1º da ESO, recibirán as clases de Educación Física en inglés e, a partir do curso 2023-24 irán incorporándose novas materias nesta lingua estranxeira, favorecendo así a súa aprendizaxe.

O IES súmase, deste xeito, aos colexios de Baño e Cordeiro, que dende hai anos teñen tamén a condición de centros Plurilingües.

O goberno local amosa a súa satisfacción por estas importantes novas, que contribúen a seguir reforzando a actividade do IES en beneficio da mocidade valguesa e, en xeral, de toda a poboación.

Volver