- Actuarán na área fluvial de Vilarello a partir das 22:30 horas
- Segue aberta a inscrición para participar nas Olimpíadas da Aldea, con xogos como fútbol praia, brilé ou carreiras de sacos
Valga, 22 de xuño de 2022.
A Festa da Xuventude volve por todo o alto na súa XIV edición, que se celebrará o vindeiro 2 de xullo na área fluvial de Vilarello.
A emblemática banda do Barbanza Heredeiros da Crus encabeza o cartel musical da festa. O grupo liderado por Tonhito de Poi, un dos grandes expoñentes do rock en galego, acaba de iniciar a xira coa que celebra os seus 30 anos sobre os escenarios e Valga será un dos primeiros lugares no que se poida gozar co seu espectáculo, no que repasan os seus grandes éxitos e dan tamén protagonismo ao seu último álbum, “Derretidos”, publicado en 2019 pero cuxa promoción se viu limitada pola pandemia.
Cos seus temas cargados de enerxía e letras cheas de humor, Heredeiros da Crus construíu a súa propia identidade musical, moi recoñecible para o público xa dende o seu primeiro disco, “A cuadrilla de Pepa a Loba”, publicado en 1994 e no que se incluían algúns dos seus temas máis emblemáticos coma “O fillo de José” ou “Quero josar”, cos que a banda converteu nun dos buques insignia do mítico programa da TVG “Xabarín Club”. De ensaiar nun galiñeiro de Poi pasaron a ofrecer concertos memorables e a actuar en Nova Iorque ou Londres. Tres décadas despois, e cun parón de sete anos entre entre 2005 e 2012, o grupo mantén a súa esencia e o seu tirón entre o público galego.
En Vilarello estarán acompañados polos Festicultores, que abrirán as actuacións musicais a partir das 22:30 horas. Os autodenominados “cultivadores de festas” ofrecerán un espectáculo dinámico combinando temas propios con cancións tradicionais versionadas ao seu estilo festivo, co que o humor, a diversión e o baile están garantidos.
A banda, con 17 anos de historia, acumula máis de 850 actuacións, algunhas delas en países coma Portugal, Francia, Serbia ou Polonia, e teñen compartido escenarios con artistas coma Manu Chao, Macaco ou Gogol Bordello, entre outros.
Olimpíadas da Aldea
Ademais das actuacións musicais, durante toda a xornada do sábado disputaranse en Vilarello as Olimpíadas da Aldea, para as que está aberto o prazo de inscrición. Poden participar equipos formados por un mínimo de 4 persoas e un máximo de 6, todos a partir de 15 anos de idade. Os equipos serán mixtos e contarán cun mínimo de dúas persoas de cada xénero.
Disputaranse simultaneamente ata cinco xogos e deportes: Fútbol praia, Brilé, Carreiras de sacos, o Cangrexo e unha xincana. En cada un outorgaranse as correspondentes medallas douradas e prateadas aos primeiros e segundos clasificados, ademais de gratificalos con 200 e 100 euros respectivamente. En total, repartiranse 1.500 euros en premios.
Unha vez rematadas as competicións, designarase ao campión absoluto das Olimpíadas, que será o equipo que máis medallas douradas acumule. En caso de empate, terase en conta tamén o número de medallas prateadas.
O prazo para anotarse estará aberto ata as 13:00 horas do día 1 de xullo entregando no Concello a correspondente folla de inscrición cuberta ou enviándoa por correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. A folla pode descargarse na páxina web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) ou recollerse en papel nas oficinas municipais.