Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Quedan protexidos os oito elementos que se conservan: sete torres, catro delas completas, e os restos do antigo porto no río Ulla

- A administración autonómica destaca que se trata “dun exemplo único” na nosa comunidade

torrevagonetas

Valga, 18 de xuño de 2022.
A Xunta de Galicia vén de declarar como Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento e como patrimonio industrial, a antiga liña de vagonetas aéreas vencelladas á actividade industrial da desaparecida empresa de cerámica Novo y Sierra. A aprobación produciuse o hai uns días no Consello da Xunta, completándose así o procedemento iniciado en 2019 a petición do Concello.

En total, ao abeiro desta declaración, protéxense oito elementos principais: os restos do antigo embarcadoiro de carga e descarga de mercadorías no Ulla e sete torres (catro delas completas) da liña de vagonetas que conectaba o río coa fábrica e a Mina Mercedes, onde se extraía a arxila para a actividade produtiva de Novo y Sierra, empresa desaparecida en 2009.

Estes vestixios quedan agora baixo o réxime de protección establecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que implica a máxima protección e tutela. A Xunta de Galicia tivo en conta a excepcional singularidade da antiga liña de vagonetas, xa que permite transmitir como era o funcionamento das explotacións mineiras da época.

Sistema construtivo modular
As torres de celosía metálica, segundo o sistema alemán Bleichert, permitían a circulación pechada de ida e volta combinando a suspensión e o percorrido por carrís dunha vagonetas capaces de transportar máis de 300 quilos. Este sistema construtivo modular permite variar, facilmente, a anchura e altura das torres para adaptalas ás necesidades xeográficas.

A instalación deste funicular é, segundo a Xunta, un exemplo do transporte aéreo de materiais e unha tipoloxía industrial, a da cerámica, moi presente e relevante en Galicia, especialmente no Baixo Ulla. A súa orixe en 1927 e o uso de celosía metálica aínda conservada fan que sexa un exemplo único na nosa comunidade.

Os informes constatan o uso de sistemas de suspensión que supoñían unha tecnoloxía avanzada para a época que permitía posicionar a industria de referencia en mellores condicións polos rendementos en tempo e volume de material transportado.

Volver