Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Concello aporta materiais para as actuacións e outorgará gratificacións de 300, 200 e 100 euros

- Os proxectos de acondicionamento son promovidos por veciños das diferentes aldeas e tamén por centros educativos

 

Valga, 17 de xuño de 2022.

Un total de dezanove colectivos e comisións veciñas participan este ano no concurso “Embelecer Valga” cos seus proxectos de mellora e acondicionamento de espazos e dotacións públicas, co obxectivo de converterse no lugar máis fermoso.

Os inscritos e a Anpa CEP Ferro Couselo, Avenida da Coruña, Barcia, Barro, Beiro, Belén Artesanal, Canle, CEIP Baño-Xanza, Cimadevila, CRA de Valga, Eiras, Eirexe (Campaña), Escola Infantil Municipal, Ferreirós (onde se presentaron dúas comisións con dous proxectos diferentes), Gándara, Laceiras, Vilar e Vilarello.

Para participar no certame, tiveron que formar unha comisión e presentar unha memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que estiman precisos, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado no que se atopa o lugar no que se levarán a cabo as actuacións. O Concello aportará o material para a execución das obras, que terán que estar rematadas na penúltima fin de semana de agosto, cando terá lugar a visita do xurado.

O tribunal avaliador estará composto por tres membros do goberno municipal e un representante de cada comisión participante. Valoraranse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.

O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, o segundo recibirá 200 euros e o terceiro, 100 euros. Os tres primeiros clasificados recibirán tamén un trofeo e o resto de participantes serán gratificados con 100 euros e un diploma conmemorativo.  Ademais, outorgarase un premio especial de 150 euros á comisión que mellor manteña e conserve o estado do lugar durante todo o ano. Este premio entregarse na edición seguinte.

Os gañadores daranse a coñecer durante a celebración da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. 

Este certame, que anualmente é convocado polo Concello, é implicar á veciñanza no coidado e rehabilitación de espazos e zonas comúns do municipio para o seu posterior desfrute por parte de toda a poboación.

Volver