Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Trátase de dúas máquinas de coser eléctricas e unha prancha para empregar na confección da roupa das figuras

- O Concello agradece á Xunta o seu constante apoio ao Belén, que está declarado de Interese Turístico de Galicia

MáquinasBelén1

Valga, 16 de xuño de 2022.

O Belén Artesanal en Movemento conta con novo material que lle foi entregado nos últimos días polo Concello e se adquiriu mediante unha subvención da Axencia Turismo de Galicia da Xunta.

A aportación da administración autonómica permitiu adquirir dúas máquinas de coser e un centro de pranchado que se empregarán durante o proceso de creación das novas figuras que se incorporen á montaxe, en concreto para a confección da roupa.

As máquinas de coser son eléctricas e de fácil manexo e contan con 40 tipos de puntadas diferentes que poden seleccionarse nunha pantalla LED, enfiador de agullas e bobina automática, entre outras características. Permiten coser diferentes tipos de teas, dende as máis lixeiras coma tul ou gasa, ata as máis grosas (lona ou pana) e tamén tecidos elásticos, coma punto ou licra.

No tocante á prancha, conta con sola de cerámica de fácil deslizamento, mango ergonómico, sistema antical e unha potencia máxima de 2.400W.

Este material fora solicitado polos membros da asociación Amigos do Belén, que cada ano se encargan da montaxe do nacemento, á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, nunha visita realizada no pasado mes de febreiro. O Concello agradece, unha vez máis, este departamento da Xunta o seu constante apoio ao Belén Artesanal, que está declarado de Interese Turístico de Galicia.

MáquinasBelén2 MáquinasBelén3

Volver