Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actuación centrouse na retirada de sucidade e colonias biolóxicas e liberouse un dos chanzos do baseamento que estaba soterrado

- Os restauradores Luis Enrique Rodríguez e Ana Sánchez encargáronse da execución das tarefas

CruceiroEirexe1

Valga, 15 de xuño de 2022.

O Concello continúa a desenvolver accións de coidado e conservación do seu patrimonio cultural e histórico e nos últimos días procedeu ao acondicionamento dun cruceiro emprazado no lugar de Eirexe (Setecoros), uns traballos que foron realizados polos restauradores Luis Enrique Rodríguez Arias e Ana Sánchez Calzada e que foron financiados cunha subvención de 3.442'45 euros da Deputación de Pontevedra.

A actuación centrouse na limpeza desta peza da arte relixiosa popular, retirando a sucidade superficial e as colonias biolóxicas de musgos e liques. A isto engadíronse traballos de consolidación nalgunhas zonas que o precisaban coma, por exemplo, pequenas lascas que se reencheron con morteiro para evitar que se seguisen acumulando depósitos de po e terra ou musgos.

Nalgunhas xuntas tamén se retiraron os morteiros antigos para aplicar outros novos de cal e evitar, igualmente, as filtracións de auga ou sucidade. As actuacións tamén afectaron ao baseamento do cruceiro, de planta cuadrangular e composto por dous chanzos. O primeiro deles atopábase soterrado e cuberto de maleza e vexetación que foi retirada para liberalo e deixalo despexado.

A nivel estrutural non se realizou ningunha acción posto que “a pedra atópase en mo bo estado” máis aló da sucidade que presentaba, destacaron os restauradores.

Este cruceiro, sobre o que se descoñece a súa data de construción, atópase situado á beira dunha estrada que comunica Cerneira coa igrexa parroquial do Divino Salvador de Setecoros. No seu día, e con motivo dunhas obras de mellora desta vía, foi reubicado apenas un metro por detrás do seu emprazamento primitivo e, ademais, procedeuse a un xiro de 180 graos de maneira que, a parte que hoxe se observa como frontal –coa Virxe da Soidade de pé sobre unha cabeza dun anxo– correspóndese coa cara posterior orixinal, na que aparecía a imaxe dun Cristo de tres cravos do que só se conservan os pés.

CruceiroEirexe2 CruceiroEirexe3

          CruceiroEirexe4                       CruceiroEirexe5

Volver