Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Realizaranse dúas quendas entre os meses de xullo e agosto, cun máximo de 30 rapaces en cada unha

- A acción, que promove a conciliación durante as vacacións escolares, é subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Plan Corresponsables

 

Valga, 13 de xuño de 2022.

O Concello organiza, de novo, durante o período estival a Escola de Verán, con actividades gratuítas en horario de mañá dirixidas a nenos nados entre os anos 2010 e 2018 e que estean empadroados en Valga.

Esta é unha medida facilitadora da conciliación familiar durante os meses de xullo e agosto, nos que os rapaces non teñen actividade académica; un espazo lúdico-formativo no que se fomentarán valores baseados na igualdade de xénero e na concienciación para construír un mundo máis xusto, igualitario e respectuoso.

As actividades desenvolveranse no recinto do CEIP Baño-Xanza en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres (agás festivos). Comenzarán o día 4 de xullo e prolongaranse ata o 26 de agosto, diferenciándose dúas quendas: unha do 4 ao 29 de xullo e outra do 1 ao 26 de agosto. En cada unha das quendas poderá participar un máximo de 30 rapaces.

En caso de que haxa máis solicitudes que prazas, teranse en conta criterios coma que os dous proxonitores traballen (ou un en caso de familias monoparentais), teñan persoas dependentes ao seu cargo ou a renda da familia.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 23 de xuño. O formulario pode descargarse na páxina web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes), ou recollerse en papel no Concello, no Auditorio e no CODI.

Xunto coa folla de inscrición é preciso presentar a seguinte documentación:

  • Fotocopia do DNI da nai, pai ou da persoa titora que asina a solicitude
  • Fotocopia do DNI do menor, ou no seu defecto fotocopia do Libro de familia.
  • Fotocopia da Tarxeta Sanitaria

Se os proxenitores ou titores traballan:

  • Traballadores por conta allea: certificado de empresa ou informe de vida laboral
  • Traballadores autónomos: informe de vida laboral ou copia do resgardo do pago do seguro social de réxime especial de traballadores autónomos (RETA) do mes de maio.
  • No caso de persoas traballadoras adscritas a unha mutualidade profesional deberán aportar copia do resgardo de pago da mutualidade profesional correspondente.

Familias monoparentais:

  • Documento oficial acreditativo da súa situación, sentencia xudicial de separación/divorcio ou xustificación de interposición da demanda de separación/divorcio.

Se os proxenitores teñen ao seu cargo a unha persoa dependente:

  • Informe de Servizos Sociais.

Se os proxenitores están nunha situación de especial vulnerabilidade:

  • Informe de Servizos Sociais.

No caso de participantes con discapacidade:

  • Certificado acreditativo do grao de discapacidade e copia do ditame técnico facultativo, emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente.

Outra documentación:

  • Documentación relevante sobre datos médicos (enfermidades, alerxias, medicación) ou situacións familiares que sexa preciso coñecer para o bo desenvolvemento da actividade.

Folla de inscrición

EscolaV22

Volver