- A intervención, que é subvencionada pola Xunta de Galicia, realízaa o restaurador Xabier Bernárdez
- O obxectivo é eliminar os depósitos de terra e pó e as colonizacións biolóxicas de algas e liques
Valga, 10 de xuño de 2022.
O capitel de mármore do “estilo Setecoros” achado o pasado ano nunha horta de Ferreirós e cedido ao Concello estase a someter a un proceso de limpeza previo á súa exposición no Museo da Historia.
Esta actuación corre a cargo do conservador Xabier Bernárdez, que no seu día xa traballou na restauración dos capiteis deste mesmo estilo que se conservan na igrexa do Divino Salvador de Setecoros. A intervención, subvencionada pola Xunta de Galicia, deu comezo esta mañá cunha primeira limpeza da peza, de épora romana, e terá unha duración aproximada dun mes. O obxectivo é eliminar, dentro posible, os depósitos de pó e terra e a colonización biolóxica que afecta ao capitel, que estivo durante anos á intemperie. “Hai algas e tamén liques, que serán os máis traballosos”, explica o restaurador. Hoxe levou a cabo “unha limpeza xeral e durante o próximo mes tentarase eliminar esta colonización quitándolle a luz e a humidade...”, engade.
Polo demais, o estado da pedra “é bo, non presenta maiores problemas máis alá de pequenas fisuras que nin sequera é preciso reencher”, comenta Xabier Bernárdez. En canto ó estado de conservación, o capitel está “bastante degradado e desgastado pola erosión”, o que é consecuencia do moito tempo que estivo á intemperie. Presenta, ademais, algunhas faltas debido a golpes producidos, probablemente, en desprazamentos e movementos da pedra e “unha alteración moi grande” na parte central, xa que a pedra foi picada para convertela en pía
Este capitel foi cedido en marzo de 2021 ao Concello pola familia Freire Lorenzo para a súa exposición no Museo. Os técnicos municipais apreciaron dende un primeiro momento que podía tratarse dun capitel do coñecido como “estilo Setecoros” e moi similar e do mesmo período que outro que se conserva no Museo da Catedral de Santiago, datado entre os séculos III e IV (época tardorromana).
Ademais, tamén parece ser do mesmo material: mármore de O Incio, pedra específica deste estilo arquitectónico da que tamén están feitos os dous fustes de columna e os dous capiteis que se conservan na Igrexa do Divino Salvador de Setecoros.
Tecnicamente pertencería aos comezos do “estilo Setecoros”. Pode apreciarse perfectamente a decoración vexetal que forma varios aneis que sobresaen en diferentes niveis. Posteriormente, o estilo evolucionou cara un traballo máis minucioso, incorporando, por exemplo, zonas encordadas.
Ata o achado desta peza, só se tiña coñecemento da conservación de oito capiteis deste estilo: catro no Museo de Pontevedra, dous no Museo da Catedral e outros dous na propia igrexa de Setecoros.