A valguesa María Touceda Magariños leva trece anos no exército, un mundo tradicionalmente de homes pero ao que se incorporan cada vez máis mulleres coma ela. Con 24 anos fixo a instrucción militar en Cádiz e despois estivo destinada no Grupo de Artillería da Brilat, en Pontevedra, e na Unidade de Seguridade da USAC, en Labonogal (Asturias). Leva dous anos en Madrid, no Corpo Loxístico 12 da Brigada de Guadarrama.
Foi quen de romper barreiras e hoxe é, nas súas palabra, “un soldado máis que non ten que demostrar que vale polo feito de ser muller”. Aínda que dende fora pareza o contrario, asegura que o militar é un ámbito máis igualitario que outras profesións no tocante, por exemplo, ao salario ou á conciliación da vida laboral e familiar.
Valga, 9 de marzo de 2018.
- Con que problemas se atopou para integrarse nun mundo claramente de homes?
- Hai que ter en conta que xa hai trinta anos que as mulleres se incorporaron ao exército. Eu entrei hai 15 anos e non me colleu de novas a situación, na miña promoción eramos 120 persoas e, entre elas, só trinta mulleres. Estabamos bastante unidas e fixemos un bo grupo, non tivemos máis dificultades por ser mulleres. Cando fun facer a instrución militar a Cádiz eramos trece galegos e entre nós estábamos moi unidos e axudabámonos cando algún tiña un problema. Si que é certo que entrar no exército significa deixar case todo de lado, cambiar as túas costumes e rutinas e tiven que marchar de Valga. Pero adapteime moi facilmente.
- Cal foi o motivo polo que elixiu esta profesión? Foi vocación ou simplemente lle pareceu unha boa saída laboral?
- Quen entre no exército ten que facelo por vocación, non ten moito sentido entendelo como unha saída laboral. Sempre me gustou, sobre todo a parte humanitaria, pero cando quedei embarazada tiven que abrirme camiño na vida civil e empecei a traballar de camareira. Cando a miña filla tiña tres anos atopeime en Rianxo cuns militares que estaban a facer patrullas contra incendios e comezarron a falarme do exército, a contarme como se vivía e como se traballaba e volveume a idea de querer ser militar.
- E a familia, foi quen de asimilar axeitadamente a súa decisión?
- Ao principio costoulles un pouco. Sempre estivera na casa e cando lles dixen que marchaba catro meses a Cádiz a facer a instrución pensaron que estaba tola, sobre todo ao ter unha nena pequena. Cando vin destinada a Galicia viron que realmente me gusta o exército, que é un traballo bo, con igualdade salarial entre homes e mulleres e quedaron bastante máis tranquilos.
- Está a medrar o número de mulleres no exército?
- Está a medrar moito, as mulleres estanlle a perder o medo. Antes entendíase como un traballo só de homes, pero hoxe en día ao ver que hai outras mulleres, que non están mal e que non hai as desigualdades doutras profesións estanse a incoporar máis. No tes que demostrar que vales para ese traballo polo feito de ser muller, eres un soldado máis.
- Actualmente forma parte do Corpo Loxístico. En que consiste exactamente o seu traballo?
- Somos os que abastecemos e damos soporte ás unidades operativas: se necesitan vehículos ou combustible, trasladamos mercadorías e equipamentos sanitarios e cando se sae ao estranxeiro damos soporte á infantería, artillería e ao resto de unidades operativas.
- Participou en misións no estranxeiro nalgunha ocasión?
- Estiven en Kosovo hai dez anos. Foi unha experiencia moi bonita porque o traballo que faciamos era valorado pola xente. Percibes que o fas é importante: manter a seguridade nunha zona e, en definitiva, manter a paz. A xente agradecía que España estivera apoiándoos e que non se olvidara deles. En circunstancias coma esa, unha dase conta de que o seu traballo é valorado pola poboación. Tamén é certo que cando eu fun, Kosovo estaba bastante tranquilo, non era a situación de guerra dos inicios.
Aínda así, foi complicado dicirllo á miña xente. Ao non haber tradición militar na miña familia non o entenderon moi ben. Preguntábanse ser de verdade era necesario que fora. Porqué eu? Quedaron intranquilos e preocupados por se me pasaba algo estando tan lonxe, pero é lóxico. Cando calquera ser querido se vai, aínda que sexa de vacacións, hai esa intranquilidade. No mundo militar é normal saír ao estranxeiro, é unha parte importante do meu traballo e teño que dicir que eu fun voluntaria, ninguén me obrigou.
- Como se concilia a vida laboral e familiar no mundo militar?
- Levo trece anos no exército e neste tempo as cousas cambiaron moitísimo para mellor. Cada vez hai máis normas e instruccións técnicas para ficilitarnos a conciliación. Por exemplo, eu estou catro días en Madrid e tres en Galicia, teño moitas máis facilidades que cando empecei. Daquela era máis complicado porque había menos mulleres e este tema non estaba tan reglado, dependía da vontade dos teus xefes.
- Que conclusións saca deste tempo que leva no exército?
- Son feliz. Son soldado porque quero selo e estou moi contenta de vivir esta experiencia. Síntome satisfeita co meu traballo.