- O alcalde, José María Bello Maneiro, realizou a ofrenda e a invocación ao Apóstolo Santiago
- A liturxia estivo presidida polo bispo auxiliar e foi cantada pola Coral Polifónica Santa Comba
Valga, 4 de xuño de 2022.
Uns 350 veciños de Valga asistiron na Catedral de Santiago á Misa do Peregrino que puxo o colofón á peregrinación polo Camiño Portugués emprendida o pasado 9 de abril en Tui.
Seis autobuses fletados polo Concello trasladaron dende Valga a Compostela ao groso da expedición, incluídas a Coral Polifónica Santa Comba e a Banda de Música Municipal, mentras que outros asistentes optaron por desprazarse en vehículos privados.
Todos se congregaron na Praza da Acibechería para acceder á Catedral. A misa estivo presidida polo bispo auxiliar, Monseñor Francisco José Prieto Fernández, e foi concelebrada polo chanceler secretario do Arzobispado de Santiago, don Elisardo Temperán Villaverde, con raíces familiares en Valga.
A cerimonia estivo cantada pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro, na que foi a súa primeira actuación dende o comezo da pandemia. O coro, dirixido polo sacerdote valgués, don Manuel López Castro, interpretou temas como “Pueblo de Reyes”, “Canto de alabanza”, “Ilumíname, Señor”, “Santo Galego”, “Perto de ti, señor” e o “Himno ao Apóstolo”, entre outros.
Durante a misa, o alcalde, José María Bello Maneiro, foi o encargado de realizar a ofrenda e a invocación ao Apóstolo en representación de todos os valgueses:
“Señor Santiago, Apóstolo e patrón de Galicia e de España:
Neste Ano Santo Compostelano acudimos de novo a abrazarte como xa fixemos nos anteriores 2004 e 2010. Non contaba con que tantos anos despois, doce en concreto, tería a oportunidade de dirixirme de novo a ti neste acto.
Síntome moi honrado, como alcalde de Valga, de poder realizar de novo esta ofrenda en representación de todos os veciños das parroquias de Santa Cristina de Campaña, San Miguel de Valga, Santa María de Xanza, Santa Comba de Cordeiro e do Divino Salvador de Setecoros, e tendo presentes tamén na nosa memoria a aqueles que xa non están connosco e a os que, en busca de progreso e futuro, tiveron que deixar atrás a súa terra, pero que seguen levando a Valga nos seus corazóns. Nós tamén os levamos a eles.
Baixo a túa protección agardamos deixar atrás, definitivamente, a situación de pandemia que nos últimos anos ven marcando as nosas vidas en todos os sentidos: no económico, no social, pero moi especialmente no sanitario. Non podemos esquecernos dos nosos seres queridos e achegados que nestes anos faleceron a consecuencia do coronavirus, en moitos casos, pero tamén doutras doezas. A todos eles lembrámolos con emoción.
O noso pobo ten o orgullo de ser punto de paso de varias rutas xacobeas que teñen como meta esta Catedral, a túa casa: o Camiño Portugués, o Camiño Portugués da Costa e a ruta marítimo-fluvial “Traslatio”, a orixe de todos os Camiños de Santiago e pola que chegaron os teus restos nunha barca da pedra, remontando o río Ulla que rega as terras de Valga.
Por estas rutas vemos pasar a diario a moreas de peregrinos que, con fe e devoción, se dirixen ata o templo no que hoxe nos recibes. Igual que fixemos nós dende o pasado 9 de abril, cando iniciamos a peregrinación en Tui cheos de esperanza e ilusión por renderche esta homenaxe. Durante oito etapas compartimos vivencias e experiencias entre veciños, pero tamén con outros peregrinos chegados dende diferentes puntos de España e dos máis remotos lugares do mundo, cos que tamén compartimos os valores de unidade, solidariedade e concordia que inspira o Camiño de Santiago.
Valga sempre foi un pobo no que a fe católica estivo moi arraigada e, como mostra, a longa tradición de dedicación ao sacerdocio no noso municipio, encarnada en persoeiros coma:
- Don Xosé Couselo Bouzas, ordeado en 1895 e que foi, ademais, membro da Real Academia Galega e participou na fundación do Seminario de Estudos Galegos.
- Don Francisco Potel Pardal, que despois de estudar no Seminario Maior de Santiago dedicou toda a súa vida ao sacerdocio e algunhas das súas obras aínda perduran. Grazas a el, por exemplo, construiuse a actual igrexa parroquial de Lestedo, en Boqueixón.
- Don Manuel Ferro Couselo, doutor en Filosofía e licenciado en Teoloxía, irmán de Don Xesús Ferro Couselo, ambos fillos predilectos de Valga.
- O franciscano Xosé Isorna Ferreirós, o noso querido Padre Isorna que nos deixou en 2016 e tamén fillo predilecto de Valga: profesor de Filosofía e Teoloxía, membro da Real Academia Galega e gran promotor do uso do galego na liturxia. Anos antes do seu falecemento, doou ao noso Concello a súa biblioteca persoal, coa que se creou a maior biblioteca pública de Galicia dedicada á teoloxía.
E na actualidade seis sacerdotes nados en Valga están en activo, un deles aquí presente e durante máis de 25 anos director da Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro.
Todos eles sérvennos de inspiración.
Señor Santiago, pídoche a túa especial protección para todos os veciños de Valga e as súas familias, así como para todos aqueles valgueses espallados polo mundo, moi especialmente na Arxentina, país que recibiu a un maior número de veciños do noso pobo, moitos deles aínda agrupados en torno á “Asociación de Hijos y Amigos del Ayuntamiento de Valga”.
Rógoche a túa axuda para facer realidade os seus anhelos e ilusións, e a túa intercesión polo ben común e para que o noso pobo siga progresando, axudándonos a superar as dificultades que, a bo seguro, seguiremos atopando polo camiño pero que afrontaremos con tesón, traballo e sacrificio, como sempre facemos.
Pídoche tamén amparo para todas as persoas que están a sufrir as consecuencias de guerras que, aínda que parezan lonxanas, tamén marcan as nosas vidas e nos enchen de pesar e desacougo ao comprobar como a barbarie se impón á paz e á convivencia entre pobos. Lémbrome neste momento dos nosos irmás de Valga (Estonia) e Valga (Letonia) que tan de preto e con tanta inquedanza están a vivir estes momentos de inestabilidade e terror no leste de Europa.
Señor Santiago, sei que nos axudarás nestes retos, coma sempre fixeches. E por iso che agradezo a protección que nos brindaches dende o Ano Santo 2010 para conseguir superar os retos e barreiras creadas por situacións coma a crise económica, primeiro, ou a pandemia, despois, así coma outros obstáculos que a nivel persoal e familiar afectaron aos nosos veciños e seres queridos. Valga sempre che estará agradecida.”
Trala Comunión e como prolegómenos da bendición final, os tiraboleiros puxeron en funcionamento o Botafumeiro ao pé do altar maior da Catedral.
Unha vez rematada a misa, a Banda de Música Municipal de Valga, dirixida por Manuel Villar Touceda, ofreceu un concertó na Praza de Praterías.
~