- A camiñada valguesa celebrarase o 9 de outubro e pasará por lugares coma as fervenzas ou as capelas da Saúde e dos Martores
- O programa, no que participan os vinte concellos bañados por este río, presentouse onte na Semana Verde
Valga, 3 de xuño de 2022.
O Concello de Valga participa de novo na iniciativa “Goza do Ulla”, un proxecto co que os vinte concellos bañados polas augas deste río promocionan o turismo fluvial e de natureza e poñen en valor o valioso patrimonio natural e cultural existente ao longo dos 130 quilómetros de cauce, dende o nacemento en Antas de Ulla ata a desembocadura en Vilagarcía de Arousa.
O programa coas rutas de sendeirismo propostas polos vinte concellos participantes foi presentado onte na feira Turexpo Galicia, no marco da Semana Verde de Galicia. As camiñadas póñense en marcha o próximo 11 de xuño e rematarán o 29 de outubro. VALGA PROGRAMOU A SÚA RUTA PARA O DÍA 9 DE OUTUBRO. “Vistas do Ulla e afluentes” é o nome do percorrido circular de dificultade media/alta e 12 quilómetros de distancia que discorrerá polas zonas máis elevadas do concello.
O percorrido comeza nunha das sendas do Camiño Portugués e avanza, principalmente, por paraxes arboradas e con desniveis, visitando lugares histórico-culturais como a Capela da Saúde, en Casal de Eirigo, ou a Capela dos Martores. Atravesando o río Valga, afluente do Ulla, nunha contorna natural, os participantes achegaranse tamén ás fervenzas de Parafita e Raxoi, para gozar da beleza do seu entorno e tamén dos seus muíños.
“Goza do Ulla” non puido celebrarse nos dous últimos anos debido á pandemia, pero volve con forza e co anuncio da próxima creación dunha asociación de concellos que terá como obxectivo converter as ribeiras do Ulla nun destino fluvial de referencia, promocionándoo dende diferentes ámbitos coma o da pesca, a historia, o patrimonio natural, a música ou a gastronomía.