- O Conxo e o Boiro resultaron gañadores nas respectivas categorías, que contaron coa participación de 30 equipos
- O alcalde e o concelleiro de Deportes entregaron os trofeos, feitos polos usuarios do CODI
Valga, 30 de maio de 2022.
Os torneos de fútbol de categoría benxamín e biberón que se disputaron esta fin de semana no campo municipal de Baño congregaron a arredor de 1.200 persoas, ademais dos meniños dos trinta equipos participantes chegados dende distintas bisbarras galegas.
No torneo Benxamín, que tivo lugar o sábado, participaron o Bertamiráns FC, Catoira SD, EMF Boiro, Victoria FC, Villestro, CD Sar, Cidade de Ribeira, Aguiño, Ulla CF, Atlético Fátima, CD Conxo, Noia CF, Carreira CF e Atlético Cuntis, ademais dos anfitrións do Cordeiro CF.
O CD Conxo alzouse coa vitoria e o Noia CF foi subcampión, mentras que no terceiro e cuarto postos clasificáronse o Bertamiráns FC e o Cordeiro CF. Na fase de consolación o Victoria FC foi primeiro, seguido do Atlético Cuntis, EFM Boiro e Atlético Fátima.
Na xornada do domingo disputáronse os partidos de categoría Biberón, cos seguintes equipos participantes: Cordeiro CF, Ulla CF, CD Rois, Noia CF, CD Unión, Atlético Fátima, Praíña SC, Bertamiráns FC, Crocha Balompé, Caldas CF, CD Sar, Atético Cuntis, Carreira CF, Victoria FC e EFM Boiro.
A clasificación final quedou da seguinte maneira: o campión foi a Escola Municipal de Fútbol de Boiro, que venceu na final ao CD Sar. Polo terceiro e cuarto posto enfrontáronse o CD Unión e o Noia CF, con vitoria para os de Asados.
Na fase de consolación a vitoria foi para Crocha Balompé, o Caldas CF foi segundo, e Atlético Fátima e CD Rois foron terceiro e cuarto, respectivamente.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, participaron nos actos de entrega de medallas e trofeos, que foron aportados polo Concello. Os trofeos foron realizados para a ocasión polos usuarios do CODI e pola artista local Ángeles Garrido.
Esta é a sexta edición do torneo organizado polo Cordeiro CF, que continuará nas dúas próximas fins de semana coas categorías prebenxamín, alevín, infantil e cadete.