Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo participaron no acto de presentación na antiga mina de extracción de arxila

- O festival colaborará coa asociación Art for Dent, que quere visibilizar unha doenza rara que afecta aos riles

LagoaFest1

Valga, 27 de maio de 2022.
O concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e a tenente alcalde, Carmen Gómez, participaron esta mañá na presentación do festival Lagoa Fest, que se celebrará na fin de semana do 11 e 12 de xuño na Mina Mercedes, con atraccións e xogos para a cativada, música para a mocidade e outras moitas actividades dirixidas a público familiar para gozar dunhas xornadas lúdicas nun entorno único como é a antiga mina de extracción de arxila. A organización corre a cargo de LuxcoFuxco, coa colaboración do Concello.

A zona de acceso á Mina Mercedes converterase nun parque con atraccións e xogos, pintacaras, actuacións coma a do mago David Maestro, exhibicións a cargo do Club Karate Valga, música ambiente e merenda gratis para todos os rapaces. A entrada a esta zona terá un custo simbólico de 1 euro para colaborar con Art for Dent, asociación formada por familias galegas e asturianas que pretende visibilizar a enfermidade de Dent, “unha doenza rara que afecta á función dos riles”, explicou durante o acto Fernando Yáñez, secretario do colectivo. Esta asociación estará presente na Mina Mercedes durante os dous días do festival “para visibilizar a nosa loita e que a xente poida coñecer a nosa actividade.

Esta área familiar estará aberta tanto o sábado de 16:00 a 22:00 horas coma o domingo de 12:00 a 20:00. No apartado gastronómico non faltará unha polbeira tradicional, bares con bebidas e food trucks. Para completar o cartel, o sábado pola noite celebrarase na zona de merendoiros da lagoa un festival de música con Groove Amigos, Traffic House, Xía Rodríguez e outros artistas emerxentes, explicou Uxío Lorenzo, promotor da iniciativa. Tamén haberá Djs. A entrada terá un custo de 10 euros.

Durante a presentación o concelleiro de Cultura apuntou que o Concello de Valga “sempre apoia as actividades que nos parecen interesantes para o municipio, coma é o caso deste festival no que pode participar todo tipo de público e que dará un novo uso a este entorno flamante da Mina Mercedes, do que nos sentimos moi orgullosos”. Pedro Calvo apuntou, ademais, que tanto o Lagoa Fest coma a Batalla de Casaldeirigo, que se celebra mañá, marcarán o inicio do verán festivo en Valga despois de dous anos sen apenas celebracións debido á pandemia.

LagoaFest2

CartelLagoa1

CartelLagoa2

Volver