Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e o delegado da Xunta visitaron este mediodía a zona da actuación, na que se invisten 737.000 euros

- Bello Maneiro destaca que se reforzará a seguridade viaria nos accesos ás instalacións de interese educativo e sociocultural

SendaCordeiro1

Valga, 25 de maio de 2022.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, realizou esta mañá unha visita a Valga con motivo do inicio das obras de construción dunha senda peonil que conectará a estrada PO-548 coa a zona do colexio, pavillón deportivo, o xacemento Igrexa Vella e a igrexa parroquial de Cordeiro.

O representante da administración autonómica achegouse á zona da actuación, acompañado polo alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez, Pedro Calvo e Malena Isorna, así coma o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o xefe do servizo de estradas da Axencia Galega de Infraestruturas. Sobre o terreo, os técnicos da Xunta e persoal da empresa explicáronlles os pormenores dos traballos que se levarán a cabo durante os vindeiros meses e nos que se investirán 736.989 euros.

A senda dará continuidade á beirrarrúa xa existente na marxe esquerda da PO-548 e que actualmente remata no punto quilométrico 2’9 –a partir de aí a estrada carece de espazos reservados para circulación peonil–. Discorrerá entre os quilómetros 2’9 e 3’2 da estrada autonómica e continuará despois por un vial municipal ata desembocar de novo na PO-548 á altura da intersección existente no punto quilométrico 3’9. Dende aquí a nova infraestrutura avanzará de novo por estradas de titularidade municipal chegando á zona onde se localizan as instalacións escolares e deportivas. Finalmente, tras pasar sobre a estrada autonómica mediante a instalación dunha nova estrutura, chegará á contorna da igrexa parroquial de Santa Comba.

A execución da senda fai necesario levar a cabo unha serie de actuacións complementarias, como a ampliación do paso existente sobre o río Louro, a instalación dunha nova pasarela elevada para pasar sobre a PO-548 complementando á estrutura actual, e a reordenación do tráfico na intersección existente no punto quilométrico 3,9 da PO-548 para mellorar a seguridade viaria e evitar que os condutores realicen manobras indebidas. Tamén se creará unha pequena glorieta na vía municipal pola que discorrerá a senda.

O alcalde destaca que esta actuación permitirá “habilitar un espazo seguro para viandantes” nun itinerario que dá servizo a lugares de interese sociocultural como a igrexa e a instalacións educativas e deportivas como o colexio Xesús Ferro Couselo ou o pavillón polideportivo de Beiro. Hai que ter en conta que este tramo da estrada PO-548 soporta o paso de máis de 5.000 vehículos diarios, polo que a creación dun espazo diferenciado para tránsitos non motorizados repercutirá nunha maior seguridade viaria.

Bello Maneiro agradeceu á Xunta de Galicia a colaboración co Concello en iniciativas coma esta, que fomentan a mobilidade sostible e reforzan a seguridade viaria.

SendaCordeiro2 SendaCordeiro3

SendaCordeiro4

Volver