- Plantaron camelios, arbustos e flores a carón da pista de Parafita e recolleron lixo en todo o tramo valgués da ruta
- Os peregrinos aplaudiron a súa acción e algúns brindáronse a colaborar, como mostra do espíritu de solidariedade do Camiño
Valga, 25 de maio de 2022.
O CEIP Baño-Xanza elixiu o Camiño de Santiago como punto de intervención para conmemorar o Día Europeo dos Parques Naturais, que se celebrou onte, 24 de maio. Trinta e catro alumnos de 6º de Primaria e cinco profesores percorreron esta mañá o tramo da Ruta Xacobea que discorre por Valga, dende o límite co municipio veciño de Caldas ata San Miguel.
Fixérono coa mirada posta no chan para recoller todo o lixo que atoparon e que foron separando para despois depositar nos correspondentes contedores de recollida selectiva. A actividade incluíu, ademais, unha acción de embelecemento á altura de Parafita, na marxe da autopista AP-9 e xusto antes do inicio da nova senda que o Concello e a Xunta de Galicia habilitaron para mellorar a seguridade viaria dos numerosos peregrinos que transitan pola zona.
Neste punto, seis alumnos (Xoael, Jonay, Pablo, Alejandro, Sara e Ricardo) botaron man de sachos, palas e angazos para acondicionar unha das marxes do Camiño e plantar un camelio, diferentes especies de arbustos e clavelinas. A zona quedou protexida por un valado pintado no propio colexio e, para completar o conxunto, colocouse un letreiro co lema “Que o Camiño deixe pegada en ti, non ti no Camiño. Recicla!”.
A acción do alumnado do colexio Baño-Xanza, que contou coa colaboración do Concello de Valga, Ecoembes e Voz Natura, foi aplaudida polas ducias de peregrinos que pasaron pola zona durante toda a mañá, polo seu valor medioambiental pero tamén pola súa concordancia cos valores do Camiño. Incluso algúns camiñantes se brindaron a axudalos coas tarefas de embelecemento. Foi o caso do granadino José Luis García Martínez –que realiza a ruta dende Tui acompañado por tres familiares: Manolo, Blanca e Resu– e que non dubidou en agarrar o mazo para facer os buratos nos que colocar o valado. Toda unha mostra do espírito de solidariedade propio do Camiño de Santiago e un exemplo de colaboración altruísta para os estudantes.